A Xunta abrirá en novembro un centro de acollida para mulleres maltratadas con problemas de adiccións
A Xunta abrirá en novembro un centro de acollida para mulleres maltratadas con problemas de adiccións
O centro ofrecerá unha atención integral ás vítimas co obxectivo de axudalas a recuperar a súa autonomía privado e garantirlles un espazo seguro e de protección tanto a elas como aos seus fillos e fillas
Este novo recurso ampliará a Rede Galega de Acollemento, que na actualidade está formada por oito centros e ofrece máis de 80 prazas
A Xunta de Galicia prevé a apertura, no mes de novembro próximo, en Santiago de Compostela, do primeiro centro de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adiccións.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as obras do inmoble, que dispoñerá de 17 prazas, informa o Goberno galego nun comunicado. García explicou que este novo centro será unha realidade grazas ao convenio de colaboración asinado coa Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home por un montante de 960.000 euros, que devandita fundación investirá en reformar e equipar un inmoble da súa titularidade para albergar este servizo.
O centro ofrecerá unha atención integral ás vítimas co obxectivo de axudalas a recuperar a súa autonomía privada e garantirlles un espazo seguro e de protección tanto a elas como aos seus fillos e fillas.
A conselleira afirmou que se trata de mulleres especialmente vulnerables, polos malos tratos que sufriron e pola súa adicción ao alcol ou outras substancias, polo que necesitan unha atención especializada centrada, nunha primeira fase, no control e superación das adiccións, para así poder atallar, nunha fase posterior, as secuelas derivadas da situación de violencia que padeceron e preparar a súa reincorporación á vida autónoma.
As obras desta nova casa de acollida xa están en marcha e o seu remate está previsto para o próximo mes de novembro. Este novo recurso ampliará a Rede Galega de Acollemento, que na actualidade está formada por oito centros e ofrece máis de 80 prazas. Estes equipamentos están situados na Coruña, Ferrol, Lugo, Vigo, Ourense, Burela e Chantada, aos que hai que sumar o Centro de Recuperación Integral de Santiago, que actúa como centro coordinador.