Publicador de contidos

Publicador de contidos

A emoción de chegar ao Obradoiro tras facer o Camiño por sentenza

A emoción de chegar ao Obradoiro tras facer o Camiño por sentenza

O proxecto do "Camiño dos valores" recada cartos para as persoas damnificadas polo volcán da Palma

G24.gal 05/12/2021 20:15

No ano 2017 a xuíza de menores Reyes Martel condenou a 19 rapaces, case todos maltratadores no eido doméstico, a facer o camiño de Santiago canario para saldar contas coa xustiza.

Daquela experiencia xurdiu, coa unión de máis sentenzas de máis xuíces de menores españois, un proxecto que obriga a rapaces en risco de exclusión social a facer varias etapas do camiño de Santiago en Galicia. Este domingo, os 75 camiñantes chegaron ao Obradoiro. Emocionados.

Aos pes da Catedral os menores celebran que foron capaces de erguerse ás sete da mañá tres xornadas para camiñar 18 quilómetros ao día desde Melide a Santiago, baixo moita chuvia.

O que fora no seu día un castigo innovador da xuíza Reyes Martel en 2017, o de poñer a camiñar por sentenza xudicial a adolescentes vulnerables, con problemas coa xustiza é xa un costume anual que serve para reconducir as súas vidas antes de ter que chegar á vía penal.  

"Por aquí tedes unha rapaza, que foi condenada en 25 ocasións, e cóntoo porque ela me deu permiso, que hoxe está aquí como voluntaria.  Rematou xa a carreira de dereito e fixo as prácticas comigo. Hai que empatizar con eles, porque sabes que ademais é o momento idóneo para poder cambiar todo o que os levou a tomar un camiño desviado na vida. Sempre digo que é cuestión de sorte, ninguén escolle a familia na que nace nin en que circunstancias", conta á TVG Reyes Martel,  xuíza de menores. 

Porque para a xuíza Martel a vida é cuestión das oportunidades que un ten, ela dedica a súa vida a reconducilos antes de chegar á vía penal. Emocionouse canda os seus rapaces, e os doutros xuíces, na meta, no Obradoiro. 

"Sentín un entusiasmo por chegar á meta e acadar rematar o camiño. Estou súper contenta", confesa Coral Heredia, unha das camiñantes do proxecto. 

"Agora mesmo volvo estar moi emocionada, e non podo dicirche o por que. Por que é marabilloso  poder dicir que o conseguín", dinos emocionadísima Wynna Zady, outra compañeira menor.

"Porque eu antes era unha persoa á que lle gustaba moito delinquir. Pero o entrar aquí fíxome cambiar o meu modo de ver as cousas e a vida", explica con sinceridade outro dos rapaces camiñantes, Marco Rodríguez.

Marco Rodríguez é da Illa da Palma. A lava do volcán sepultou alí pisos de emancipación para rapaces con carencias económicas, afectivas e de conduta. A expedición na que el participa activou un código BIZUM para axudar aos palmeiros.  

Porque este camiño dos valores que se fan andando apelídase este ano "Camiñando pola Palma".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade