A xornada da 1ª Rfef comeza en Pasarón coas cámaras da TVG
O Pontevedra recibe o Fuenlabrada o sábado ás 19:00
O domingo tamén veremos na G2 o Deportivo-Leonesa (19:00 horas)
A xornada dos galegos en Primeira Federación arranca este sábado en Pasarón e coas cámaras da Televisión de Galicia. Os granates, agora en descenso, reciben o Fuenlabrada, un óso sempre duro de roer a pesar dos malos rexistros a domicilio. E na casa é precisamente onde o Pontevedra é máis forte. Aínda non perdeu esta temporada.
O domingo xoga o Deportivo, partido que tamén poderán seguir a través da G2. Recibe a Cultural Leonesa. O equipo, recentemente eliminado da Copa, céntrase neste encontro mentres todas as miradas se dirixen, de novo, a Lucas Pérez. O Deportivo buscará a terceira vitoria consecutiva coa intención de meterse en postos de play off.
O Racing, que visita o Linense este domingo, precisa recuperar as sensacións de xornadas anteriores se non quere caer da zona nobre da clasificación. Os de Cristóbal suman dúas derrotas consecutivas.