Publicador de contidos

Publicador de contidos

Na parroquia compostelá de Laraño temen que as obras do Milladoiro desvíen o tráfico polas súas pistas

Na parroquia compostelá de Laraño temen que as obras do Milladoiro desvíen o tráfico polas súas pistas

A veciñanza di que é perigoso, pois son estradas estreitas e sen beirarrúas e beiravías e esixen seguridade

G24.gal 10/01/2024 14:13

Veciños da parroquia de Laraño, en Santiago, temen que as futuras obras para a humanización do Milladoiro se convertan nun perigo para os residentes da zona. Cren que, unha vez que comecen, o denso tráfico que ata o de agora circula polo Milladoiro remate nas pistas de Laraño, que son estreitas e sen beirarrúas.  

A tranquilidade de vivir no rural, como nesta parroquia compostelá de Laraño, que agora a veciñanza ve perigar. O motivo é o proxecto de humanización da travesía no Milladoiro, non polo proxecto en si, senón polas consecuencias do desvío do tráfico. "Iso vai traer un montón de coches. Xa agora a certas horas pasan coches e coches cara á Barcia sen parar", explica Alfredo, veciño de Laraño.

Temen que esta pista que vai desde a rotonda de Pardiñas á estrada de Noia reciba todo o tráfico que se desviará desde As Galanas, que segundo os veciños xa presenta deficiencias que minguan a súa seguridade, pois antigamente era unha pista de concentración agraria.

"Sería só cruzar por Laraño e aforras 4 quilómetros por traxecto (no tocante de tomar o desvío cara a AG56) para chegar ao mesmo punto e evitar os atascos das Rochas", indica Julio Fernández, presidente da asociación de veciños de Laraño.

"Esta é unha vía que non ten separación de carrís, non ten beirarrúas, nin beiravías e os veciños teñen que ir pola calzada, e isto é moi perigoso", engade.

Explicas outra veciña que no lugar de Pardiñas hai unha curva na que para o bus escolar. "Cando se atopan dous provocan unha retención ata a rotonda ata que retrocede un deles. E cando é o autobús escolar, os nenos están en perigo porque saen na mesma curva e non teñen onde meterse". 

Desde a asociación trasladaron a súa preocupación ao Concello desde outubro do 2022 e en varias ocasións, e mesmo pediron unha reunión coa Concellería da Área de Rural. Polo de agora, sen resposta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade