A vaquiña polo seu nome... ou ultimamente polo seu número
Os crotais foron desprazando os nomes para identificalas
"Sería imposible coñecelas polo nome agora que son centos nunha corte"
Toura, Pinta, Gallarda, Bonita... Noutro tempo as vacas eran parte da familia. E como tales recibían un nome de pía relacionado co seu aspecto, carácter ou orixe.
"Eu teño unha que naceu no Nadal e como é moi presumida chameille Pedroche", explica José Manuel Blanco Díaz, un gandeiro xubilado de Ferreira de Pantón.
"Dependía dos trazos do animal, ou cando quedabas sen ideas xa viña o veterinario e as bautizaba", engade Alberto Hermida, presidente da Asociación de Rubia Galega do País.
E disque o afectuoso costume de poñerlles nome ten moitas vantaxes, sobre todo para manexalas, porque elas son quen de atender e entender...
"Para evitar perigo ao cruzar a estrada eu chámoa polo nome, e ela para. Funa acostumando e se detén se o escoita. É un costume bonito o dos nomes, como facían antes".
A tradición de bautizar as vacas non se perdeu, pero mudou cos tempos. Cada vez hai menos granxas, pero con moitas máis vacas. Agora á máis fácil distinguilas polo número que levan chapado na orella ca polo nome.
"Miran o número do crotal, aquela vaca ten mamite, e van polo número. Cando tes 400 vacas é imposible chamalas polo nome".
"Temos menos contacto con elas e menos necesidade de dirixirnos a elas. O máis sinxelo hoxe é identificalas polo número".
Os que si seguen mantendo intacta a identidade propia son os touros.
"Porque son menos e porque interesa seguir as liñas xenéticas, tanto nas ganderías de rubia como de frisón. Interesa manter o nome do touro na descendencia para a venda de seme e embrións".
Sementais como Gayoso, Chachi, Sperminator ou Netflix que se poñen de apelido ás fillas, xunto cun código numérico e o nome da gandería.