Publicador de contidos
Publicador de contidos

A vaca de raza cachena recuperouse e estendeuse dende Entrimo

A vaca de raza cachena recuperouse e estendeuse dende Entrimo

Contra os anos 80 apenas quedaban 100 exemplares, concentrados todos na mesma parroquia

Nos anos 90 comezou a recuperación e hoxe hai máis de 4.000 cabezas desta raza autóctona

G24.gal 07/06/2022 16:52

As vacas de María Hortensia Alonso son cachenas, son das vacas máis pequenas do mundo. Pesan entre 300 e 500 quilos. Pacen no sur de Ourense, no Entrimo, nos montes de Olelas.  

"Estas vacas son moi limpadoras, non fai falta máquina para rozar. Elas percorren quilómetros ata a montaña, van á mañá e volven á noite, e aí se alimentan de todo canto hai nesa serra", conta esta pioneira na recuperación desta raza autóctona.

Fala da serra do Quinxo, pegada á fronteira con Portugal. Contra os anos 80 había nesta zona máis de 3.000 cabezas desta raza autóctona. Pero logo foi caendo o número e nos anos 80 quedaban menos de 100 exemplares, todos na parroquia de Olelas. 

"E no ano 93 empezamos con forza a recuperar esta raza. Deron bastantes axudas, portáronse moi ben. E dende aí fomos aumentando a cantidade, e hoxe en día hai moitísimas, máis de 4.000. E todo veu de aquí, de aquí foi dende onde se estenderon", relata María Hortensia, presidenta da Asociación de Criadores da Raza Bovina Cachena.

Estendéronse por Galicia e mesmo Estremadura. María Hortensia vende directamente a particulares que aprecian a exquisita carne da cachena.

"Quen proba esta carne unha vez esquece as outras carnes. Pero estes animais son pequenos, dan tenreiros pequenos. Se non dan unha pequena axuda, isto non se pode soster. E eu non me quero desfacer disto, porque se me desfago disto é enterrarme", conclúe María Hortensia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar