Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha PEME galega, baixo a lupa das petroleiras

Unha PEME galega, baixo a lupa das petroleiras

Multinacionais do petróleo e da distribución de combustibles interesáronse nun aditivo para diésel que fabrica Kemegal en Vilagarcía

G24.gal 19/09/2025 14:44

Unha empresa química de Vilagarcía, de só sete empregados, está a provocar axitación nos departamentos de investigación de varias multinacionais do petróleo. Grandes empresas estudan con detalle o aditivo para diésel que inventou a peme galega. O preparado químico sorprende porque reduce emisións e aforra combustible en porcentaxes moi superiores ás dos actuais produtos no mercado.

Patentárono e acaban de obter licenza para saír ao mercado. Estes envases son só probas, pero o nome comercial será Ekoken Additive. Un produto para botarlle ao diésel que rompe os parámetros dos aditivos comercializados ata agora.

"Para 50 litros de combustible, con 100 mililitros sería suficiente. E rebaixa o impacto que ten a combustión dese motor: a carbonilla ata nun 65 %, inqueimados un 33 %, óxidos de nitróxeno un 10 %. E o consumo, un 3,5 %", dixo Miguel Ángel García, o director xeral de Kemegal.

O produto ten tras si oito anos de traballo no laboratorio da empresa e o aval de centros de investigación das universidades de Vigo e Córdoba que, tras analizalo, descubriron o potencial. 

"Sempre confías no teu produto, pero cando che din que eses resultados son maiores do que ti esperas é incrible", explicou Lidia Janza, Química en Kemegal.

Con extrema confidencialidade, estúdano agora en departamentos de importantes multinacionais do petróleo. Engadirllo ao diésel en cisterna, e servilo desde os propios surtidores, é a idea inicial.  Falan tamén con empresas de loxística, transportistas, armadores, grandes consumidores, pero tamén con empresas que poden distribuír pequenos botes para atender a demanda do consumidor particular.

Kemegal ten 18 anos de traxectoria en que desenvolveu 600 produtos, entre eles moitos proxectos  para reducir contaminación e valorizar residuos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade