Publicador de contidos

Publicador de contidos

As universidades recomendan que a avaliación por competencias na ABAU se implante progresivamente

As universidades recomendan que a avaliación por competencias na ABAU se implante progresivamente

Nunha entrevista na Radio Galega, Iván Area, presidente da CiUG, a Comisión Interuniversitaria de Galicia, lembra que a porcentaxe de aprobados na ABAU é de máis do 90 por cento, pero que se precisan notas moi altas para acceder a algunhas titulacións

Iván Area asegura que os 17 distritos universitarios españois chegaron xa a consensos sobre como realizar os exames das materias comúns   

G24.gal 06/06/2023 10:07

O presidente da CiUG, Iván Area, insite en que o normal é aprobar o exame da ABAU. Outra cousa é a necesidade de obter notas elevadas para acceder a determinadas titulacións. 

"Aquí temos un distrito único, pero realmente o alumnado pode moverse en función da cualificación que obteña no noso país a calquera dos outros 16 distritos. Para determinadas titulacións é certo que o alumnado ten que obter unha moi boa cualificación e espero que así sexa".

Ante as críticas de supostos desequilibrios territoriais que se poidan producir polos diferentes xeitos de avaliar nos 17 distritos universitarios, Iván Area opta por harmonizar os modelos de exame.

"A cualificación da ABAU representa o 40 % da nota do alumnado. A nota do expediente académico é o 60 %. Entón deberiamos pensar: temos unidade de exames en todos os institutos de toda España durante o bacharelato? Creo que non e tampouco se aspira a iso. O que si podemos tender é a harmonizar os exames para que haxa menos diferenzas".

Iván Area lembra que ese traballo de harmonización xa está feito por parte dos responsables académicos.

"No seu día sentáronse a falar as persoas que poñen os exames de todas e cada unha das materias das que se examinan hoxe os rapaces: lingua castelá, historia de España, inglés... En todas esas materias chegouse a un consenso nos 17 distritos de como debería ser o exame. O que pasa é que agora hai unha reforma ministerial en trámite e todo ese traballo non se puido rendibilizar. Espero que se poida facer nun futuro".

O presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia lembra que a avaliación por competencias é unha directriz que emana da Unión Europea, que se recolle no texto en trámite do Ministerio, e que se debería implantar progresivamente, por exemplo, introducindo pouco a pouco exercicios de demostración de competencias na ABAU dos próximos cursos.  

"Estamos dentro da Unión Europea e hai unha serie de directrices que veñen marcadas desde Bruxelas, como pode ser a avaliación por competencias. Esa era unha das cuestións que estaba sobre a mesa na reforma do ministerio. Agora ben, unha cousa é que se deba avaliar máis por competencias que por coñecementos e outra cousa é como se pode implantar esa competencia. Os 17 distritos defendemos que o máis acaído sería unha implantación progresiva". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade