Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santalices convida o papa León XIV a visitar Santiago e lembra os galegos afectados pola vaga de incendios

Santalices convida o papa León XIV a visitar Santiago e lembra os galegos afectados pola vaga de incendios

O delegado rexio levou ante o Apóstolo a petición de que Galicia conte cunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Toén

O presidente do Parlamento, que fixo a súa ofrenda en galego e en castelán, defendeu o "espírito do diálogo", e esgrimiu que "nin o radicalismo nin a división" son "armas" que "permitan combater" os ataques externos

O arcebispo de Santiago apela a crear unha sociedade "en paz, sen extremismos nin exclusións", cimentada na verdade, a xustiza e a liberdade

EFE/Lavandeira jr
G24.gal 30/12/2025 07:45 Última actualización 30/12/2025 14:44

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, participou este martes como delegado rexio no acto de Translación dos restos do Apóstolo Santiago, e realizou a ofrenda lembrando aos galegos afectados pola onda de incendios deste verán, á vez que, a piques de comezar a antesala da celebración do ano santo 2027, apuntou que "sería unha honra" contar coa visita do papa León XIV, ao que convidou a "abrazar o Apóstolo, como xa fixeron varios dos seus antecesores".

Os actos da cerimonia da Translación comezaron minutos despois das 11:00 horas na praza do Obradoiro, onde o delegado rexio, baixo un sol de inverno, pasou revista ás tropas en formación e, posteriormente, saudou aos invitados, entre os que se situaban autoridades civís e militares.

Xa dentro da basílica compostelá, a comitiva sumouse á procesión interior da Catedral de Santiago, portando unha imaxe relicario do Apóstolo Santiago, mentres se lanzou o botafumeiro. Santalices, que fixo a súa ofrenda en galego e en castelán, defendeu o "espírito do diálogo", e esgrimiu que "nin o radicalismo nin a división" son "armas" que "permitan combater" os ataques externos e, "moito menos", cando a "perdida da cohesión" se volve un "risco" para unha Unión Europea que "ten que proxectar unha única voz e reivindicar o seu protagonismo nunha nova configuración internacional".

Así, subliñou que se debe preservar a "convivencia democrática", xa que "ningunha ditadura vai ser nunca mellor que unha democracia, por moi imperfecta que sexa".

Extraer leccións da vaga de incendios

O delegado rexio, tamén tivo palabras para lembrar aos galegos que, no verán, viron como o lume "batía perigosamente nas súas aldeas, nas súas paisaxes e nas súas vidas".

Neste sentido, como ourensán, agradeceu aos cidadáns e aos profesionais que afrontaron "con valentía" a vaga de incendios que este verán, e incidiu en que se deben "extraer leccións" desta situación extraordinaria e "aparcar a contenda política, para que non se volva repetir". Por iso, levou ante o Apóstolo a petición de que Galicia conte cunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Toén.

Unha sociedade sen "extremismos nin exclusións"

Tras a ofrenda, na súa homilía, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto Fernández, apelou a construír unha sociedade "en paz, sen extremismos nin exclusións", cimentada na verdade, a xustiza e a liberdade.

Desde a catedral da cidade compostelá, o arcebispo fixo referencia ao papel histórico do Camiño de Santiago como símbolo dunha Europa construída desde a convivencia e a hospitalidade.

"Hoxe Europa necesita reencontrar a súa alma, non pechándose, senón reafirmando os valores que a fixeron posible: dignidade humana, solidariedade, xustiza e responsabilidade", apuntou.

Así, monseñor Prieto tamén fixo referencia á crise da vivenda ou a migración que "interpelan directamente a conciencia social e confrontan con preguntas profundas". "Non falamos de cifras, senón de persoas", recalou.

Desta forma, lembrando o papa Francisco, insistiu en que "ninguén pode quedar descartado" e a fraternidade "debe traducirse en decisións concretas".

"Acoller, protexer, promover e integrar é unha tarefa esixente, pero necesaria para unha sociedade verdadeiramente humana. Non nos debilita, fortalécenos. A seguridade non pode lograrse á conta da dignidade", pronunciou.

A translación celébrase desde 1646 e representa a chegada do corpo do apóstolo a Galicia. Comezaba á media mañá co saúdo do delegado rexio ás autoridades civís e militares na praza do Obradoiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade