A troita, protagonista dunha fin de semana de festa en Sigüeiro
O domingo é o día grande da festa, con campionato de pesca infantil, bailes e degustación de troitas de balde
A troita é a protagonista durante a fin de semana en Sigüeiro, no concello de Oroso. Este domingo é o día grande e empezou co campionato de pesca infantil.
"Preparado para a festa da troita, con bolso personalizado, con cana e con ganas porque ás 7 da mañá Mateo xa estaba disposto", di a señora que acompaña ao cativo.
"Non pillamos ningunha, pero ben", conta outro rapaz.
Despois de que os pequenos probaran sorte no río, chegou o momento máis agardado para todos. Polo menos, á vista das ringleiras que se formaron para a degustación. Había que botarlle paciencia mentres na cociña se preparaban 500 quilos de troitas.
"A clave, fritila ben, que vaia ben tostadiña e botarlle touciño polo medio e o sal axeitado", explica Antonio, un dos cociñeiros.
"Están moi ben. A nós gústannos moito as troitas e están boas, teñen a medida xusta, as grandes xa non saben tan ben. Están deliciosas", comenta un señor que xa as catou.
E os que agardan para probalas.
"Vou comer as que poñan". "É de balde, paso dúas veces e vou xantado". "Viñas dous días na semana se fixera falta". "Troitas gratis, haille que dicir que si".
Tamén había troitas para acompañar as consumicións nos bares. Durante toda a xornada permanecerá aberta a feira de artesanía e a festa rematará ao serán con baile.