O globo de Betanzos iluminará o ceo a medianoite
Protección Civil realizará un seguimento da traxectoria do voo para evitar o risco dun posible incendio
Os historiadores sitúan o primeiro voo dun globo en Betanzos en 1814, pero foi seis décadas despois, en 1875, cando Claudio Pita Pandelo redeseñou o aeróstato, iniciando unha tradición que ilusiona a todas as xeracións. O globo é símbolo e identidade da vila e tamén un vencello que conecta todos os betanceiros.
"Estean onde estean o día 16 de agosto miran o ceo e, se ven unha estreliña que brilla un pouco máis, din 'aí vai, aí vai o globo de San Roque'", relata Emilio Claudino Pita Varela, neto do impulsor.
Betanzos celebra as festas de San Roque e agarda coa emoción de todos os anos o momento da solta do aeróstato de papel máis grande do mundo. Elevarase á medianoite desde a praza Irmáns García Naveira. O lanzamento conta cun permiso especial e realizarase con todas as garantías de seguridade. Protección Civil seguirá a traxectoria do aeróstato, pendente de que non cause un incendio no momento de tocar terra.
"Xeralmente cae apagado, pero non é a primeira vez que cae prendido e pode provocar un incendio. Para evitalo fáiselle ese seguimento e non hai risco porque en canto cae inmediatamente xa se apaga", explica.
O globo alzarase levando con el un século e medio de historia betanceira.