A treboada tira unha sobreira en Baiona sobre un vehículo e unha estrada
Foron os propios veciños os que toraron e retiraron a árbore logo de hora e media porque non había efectivos
Unha sobreira caeu sobre unha vía e un coche en Belesar, en Baiona, sen apenas causar danos. O que deu máis rabia os afectados é que estivo cortada a estrada durante preto de hora e media e tiveron que ser eles mesmos os que toraron e retiraron a árbore.
Eran as seis e media da tarde deste martes e chovía e ventaba forte na parroquia baionesa de Belesar, cando unha parella que vive na zona da Granxa escoitou un grande estrondo e cando saíron da vivenda xa viron a grande árbore sobre a estrada e o vehículo.
Eran as horas puntas das emerxencias e tardaron en coller o teléfono e non acudiu ninguén, nin sequera a controlar o tráfico e foron eles mesmos quen coa a axuda dunha motoserra e unhas cordas foron cortando a sobreira e quitándoa da estrada.
Dáse a coincidencia de que neste mesmo punto houbo un aparatoso sinistro entre un autobús escolar que ía baleiro e un turismo. Os veciños levan anos pedindo medidas correctoras para a curva ou polo menos espellos para mellorar a visibilidade.