Un veciño de Sarria queda atrapado na estación de tren
Entrou mirar uns horarios e, como o peche está automatizado, xa non puido saír
O home entrara consultar os horarios dos trens que figuran nos paneis, pero accionouse o mecanismo automático de peche e comezou a baixar o enreixado sen darlle oportunidade de saír.
E alí quedou durante máis dunha hora e media, atrapado, sen que a súa familia, que o agardaba no exterior, puidese facer nada por axudalo.
Segundo relatou o propio damnificado, parece ser que no interior da estación non hai ningunha alarma acústica ou luminosa que advirta da baixada da reixa.
Por máis que pulsou, ninguén contestou nos interfonos. Hai meses que o Adif automatizou todo o servizo e a estación funciona sen persoal.
Chamou a Policía Local, que non puido máis que pasarlle unha ferramenta coa que, facendo uso da súa profesión de carpinteiro, logrou desmontar un cristal e abandonar o lugar.