Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dez minutos que levaron ao colapso de rúas, negocios e garaxes en Ourense

Dez minutos que levaron ao colapso de rúas, negocios e garaxes en Ourense

A treboada provoca un regueiro de incidencias en Ourense

G24.gal 30/05/2023 14:24

Había aviso por treboadas a partir do mediodía, pero foi contra as seis e media da tarde cando a chuvia e o pedrazo comezaron a descargar con máis intensidade. Na cidade de Ourense, en apenas dez minutos caeron máis de dezasete litros por metro cadrado, 41 ata a medianoite.

A cidade practicamente colapsou con rúas, baixos, garaxes e comercios anegados. Os servizos de emerxencia tiveron dificultades por momentos para atender o regueiro de incidencias que se foron sucedendo, especialmente a partir da media tarde.  

"En todos os lados, eu vivo aquí o lado do Seminario, aí caeu de todo outra vez e Ourense era un colapso", comenta un hostaleiro da rúa Celso Emilio Ferreiro.

A cidade colapsou porque a auga e o pedrazo caeron con moita intensidade en moi pouco tempo, deixando imaxes coma estas en plena zona histórica.

"Un desmadre a verdade, marcharon as cadeiras para o medio da estrada. Chamoume a Policía para dicirme que non podían pasar os coches, unha tolemia. A auga chegaba por riba dos pes, unha barbaridade", explica unha empregada dunha cafetería

Rúas, comercios, baixos, garaxes... quedaron anegados, e tamén a auga entrou no centro comercial Ponte Vella. O pavillón municipal dos Remedios tampouco puido hoxe abrir as súas portas. 

"Empezaron a anegarse sobre todo as zonas do soto, que é onde estamos agora, na sala de halterofilia. Caía a auga coma un auténtico río polas escaleiras. Confío en poder abrir mañá, pero non as teño todas comigo a verdade", apunta Jorge Encinas, xerente do Consello Municipal de Deportes de Ourense.

E outra das imaxes da xornada foi a das Burgas ou a ponte romana completamente anegada.

"Foi atroz, as seis e media máis ou menos escoito un trono moi grande e xa inmediatamente non puidemos facer nada máis. Empezou a caer a auga pero eu nunca vira unha cousa semellante, o vento parecía que o podías tocar. Inmediatamente empezou a ponte romana a encherse de auga, a xente case nadando por aí. Caeron pranchas do tellado e caeron encima de coches e caeron encima de todo. A desfeita foi moi grande, si", relata unha comerciante da zona da ponte romana. 

Dende os servizos de emerxencia recomendan extremar a precaución en días coma estes, agardar a que pase a chuvia e non poñernos en perigo.

"As veces vense temeridades, se a ponte vella está anegada non vaias por aí, non te metas. Ven unha tromba de auga e pode levarte. Hai que utilizar o senso común, a prevención, a precaución e esperar." Lembra Juan Carlos González, coordinador de Protección Civil en Ourense. 

Xa pola noite a chuvia foi amainando, iso si, con lóstregos no ceo e unha intensa tronada. Toda a provincia de Ourense volve estar en aviso por treboada esta tarde e tamén a de mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade