Publicador de contidos

Publicador de contidos

A treboada deixa sen luz durante varias horas zonas de Pontevedra e de Poio

A treboada deixa sen luz durante varias horas zonas de Pontevedra e de Poio

O centro de Pontevedra e o alumeamento público de Poio sufriron cortes na subministración

Un raio que caeu arredor das 03:00 da madrugada sentiuse cun forte estrondo en todo o municipio

O barrio de Campolongo amenceu sen luz por mor da avaría do transformador (TVG)
G24.gal 06/02/2026 08:17 Última actualización 06/02/2026 14:33

A treboada deixou sen luz durante varias horas zonas de Pontevedra e de Poio ata a mañanciña deste venres. 

Varios barrios da zona centro da cidade quedaron sen subministración eléctrica por causa da tormenta intensa que se rexistrou durante a noite, con lóstregos e tronos. O alumeamento público do Concello de Poio tamén rexistrou cortes na subministración como consecuencia do temporal.

En concreto, un forte estrondo espertou boa parte da poboación arredor das 03:00 da madrugada. 

Á consecuencia da tormenta eléctrica, varios transformadores quedaron sen servizo, como o de Campolongo ou o da Avenida Raíña Victoria, o cal afectou vivendas, negocios e tamén o alumeamento público.

Mesmo a centraliña da Policía Local quedou danada e tamén amenceu sen luz o edificio municipal situado no número 30 da rúa Michelena.

De feito, os profesionais de Radio Pontevedra, a emisora local da Cadena Ser, arrancaron a súa programación este venres coa axuda dun grupo electróxeno.

Entre outros ámbitos urbanos, rexistráronse incidencias en rúas como García Camba, Oliva, Eduardo Pondal ou San Roque, que se agravaron ademais por outra avaría na rúa Michelena.

Desde Unión Fenosa Distribución subliñan que os problemas na subministración polos danos provocados por este raio afectaron uns 200 clientes.

En todo caso, destacan que todos eles recuperaron o servizo antes das dez da mañá.

Aínda que os raios continuaron e, á primeira hora da mañá, repetiuse a tormenta eléctrica, este segundo episodio meteorolóxico xa non provocou máis incidencias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade