A "traxedia dos caiucos" e obras de García Márquez e Almudena Grandes, no arranque da PAU en Galicia
A "traxedia dos caiucos" e obras de García Márquez e Almudena Grandes, no arranque da PAU en Galicia
Preto de 13.000 galegos examínanse desde este martes da PAU
O alumnado con necesidades especiais realiza as probas no centro de recursos educativos da ONCE en Pontevedra
Os minutos previos á apertura das portas foron os peores para os preto de trece mil estudantes que se examinan.
"Ía un pouco nerviosa porque a xente pintábao moi complicado con este novo cambio", di unha moza.
Unha vez dentro, explicacións do proceso e unha comprobación: que ninguén leve dispositivos electrónicos que poidan empregarse para copiar.
"Temos detectores de frecuencia. Pasámolos cando comezan os exames. Eles saben que ter un dispositivo electrónico pode ser causa de suspensión total da proba", di Maite Flores, Presidenta da CIUG.
En sobres pechados e selados chegan os primeiros exames: Lingua Castelá e Literatura. Caeron textos de Lorca, García Márquez, Almudena Grandes e Valle Inclán e tamén a crise migratoria cun texto de Rosa Montero sobre os caiucos que chegan á illa do Hierro.
"O comentario crítico pareceume complicado, difícil de comprender, porque estaba moi concentrado", comentan dúas estudantes de Maceda á saída do exame.
A preocupación polas novidades, como as preguntas competenciais ou a penalización polas faltas de ortografía foise esvaecendo:
"Nos exames sempre me quitan puntos por faltas, pero creo que revisei ben". "Todo materia fácil, non foron a pillar". "Ao ser o primeiro ano, creo que non o complicaron tanto, pero o próximo ano a saber que poñen", aseguran varios estudantes.
Superada a primeira proba, os nervios empezan a relaxarse polo menos, na teoría.
Esta era a primeira proba dunha selectividade que este ano presenta grandes cambios en canto ao modelo de exame, xa que este ano tenta ser máis competencial. Ademais, por primeira vez celébrase nas mesmas datas en toda España, fóra de Cataluña.
Tras o descanso de media hora, daba inicio o exame doutra materia troncal, a escoller entre: Historia de España e Historia da Filosofía.
A proba de Historia incluíu nunha pregunta un texto de ChatGPT sobre o reinado de Filipe II no que había que identificar erros e redactar de novo de maneira correcta. Outro dos exercicios propoñía que o alumno imaxinase que traballaba nunha revista de divulgación para redactar un artigo comparando, dun lado, o Sexenio Absolutista e o trienio Liberal baixo o reinado de Fernando VII; e outro comparando o Directorio Militar e o Directorio Civil da ditadura de Primo de Rivera.
No que respecta a Historia da Filosofía, tamén o seu primeiro exercicio propoñía ao alumno imaxinar que traballaba nunha web de divulgación para escribir unha disertación sobre a filosofía contemporánea de Simone de Beauvoir e relacionala cun texto de Mary Wollstonecraft. A segunda pregunta pedía elaborar un comentario sobre textos de Platón ou de Hume, mentres que a terceira e cuarta consistían en preguntas sobre Descartes, Aristóteles e definición de conceptos.
Ás 16:00, tras a pausa da comida, os estudantes retomaban as probas enfrontándose ás de Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñería II, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, e as de segunda lingua estranxeira: Alemán, Francés, Inglés, Italiano e Portugués. Ás 18:00 horas foi a quenda dos que se examinaban de Física, Grego, Fundamentos Artísticos e Historia da Música e da Danza.
Tamén realiza as probas o alumnado con necesidades especiais. Fixérono no centro de recursos educativos da ONCE en Pontevedra. É o caso de Diana, que precisa recursos específicos como un ordenador e teclado en braille. Este ano son nove.
Aquí desenvolven as probas en igualdade de condicións ca o resto. "É alumnado que está moi preparado e o único que precisa son uns medios materiais un pouco distintos", explica Iván Area, delegado da Universidade de Vigo na CIUG.
Realizados os exames do primeiro día, o horizonte vese máis despexado. A algúns xa lles tarda rematar para iniciar as ansiadas vacacións. Haberá que agardar aínda ata o xoves.