Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo comeza a instalar as luces do Nadal con 30º a pleno sol

Vigo comeza a instalar as luces do Nadal con 30º a pleno sol

Vanse colocar case doce millóns de luces en 460 rúas e prazas da cidade

A iluminación acenderase no mes de novembro

G24.gal 30/07/2025 14:40 Última actualización 30/07/2025 16:37

Ollos de todo o mundo empezan a mirar cara a Vigo aínda que, de momento, sexa con lentes de sol.

O Concello inicia a instalación das luces de Nadal. Foi nun acto público no centro, aínda que esteamos a trinta de xuño e os termómetros marcasen trinta graos.

A decoración será maior ca nunca, con máis iluminación ca o ano pasado: este vanse colocar case doce millóns de luces, tipo LED, en 460 rúas e prazas da cidade.

O alcalde, Abel Caballero, asegura que as festas deixan un impacto económico de oitocentos millóns de euros e explica como contabilizan os visitantes: unha unidade por cada persoa presente un día na cidade.

Se alguén está tres días en Vigo, conta por tres. Con eses cálculos, afirma que o último Nadal reuniu seis millóns trescentas mil persoas.

"En Vigo non hai ningunha saturación turística", afirma Abel Caballero."É unha cidade moi extensa e o Nadal esténdese a tantos lugares que podemos acoller toda esta xente paseando por todo Vigo".

O Concello paga dous millóns catrocentos mil euros pola montaxe e mantemento de toda a decoración. A instalación leva meses, por iso empeza en pleno verán, algo que sorprende moita xente.

"Non temos máis ca sol, é incrible", di unha veciña da cidade; "Eu fun unha vez ao Caribe por Nadal e era o mesmo", relata con retranca un turista italiano; "Non, vai moita calor para pensar en Nadal", apunta cun sorriso unha visitante de Sevilla; "Eu marcho triste, xa me vexo coa bufanda, as botas...", láiase, desgustada, unha viguesa.

As luces acenderán en novembro, o día exacto é un segredo aínda, e brillarán durante dous meses ata mediados de xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade