Caamaño anuncia o investimento de 1,8 millóns de euros en servizos de IA para a sanidade galega
O Sergas estenderá o uso desta tecnoloxía a tarefas como o resumo de historias clínicas ou a resolución de dúbidas dos pacientes
A intelixencia artificial xa se usa no mundo sanitario, por exemplo para o apoio aos profesionais no diagnóstico con probas de imaxe. O Sergas quere estender o uso desta tecnoloxía noutras tarefas. Hoxe saca a licitación dous proxectos para que o proceso se faga con todas as garantías.
Cuestións como apoiar os profesionais médicos na redacción de partes de alta ou baixa, resumos en linguaxe sinxela da história clínica ou ata a resolución on line das dúbidas dos pacientes son obxectivos a medio prazo do proceso que arranca hoxe. Sanidade conta con ter dispoñibles a mediados do ano que vén dúas plataformas para introducir a IA nestes novos ámbitos sanitarios. A primeira delas, por exemplo, desenvolverá algoritmos para predicir descompensacións nos pacientes con diabetes.
"O segundo dos contratos é unha plataforma de IA xenerativa. Poderá resolver dúbidas dos usuarios sobre tratamentos farmacolóxicos. Tamén servirá para axudarlles aos pacientes a interpretar informes médicos... ", dixo Antón Gómez Caamaño. O conselleiro de Sanidade insistía ademais na importancia de ¨manter o equilibro entre innovación e control, para que a transformación que supón a IA teña un impacto positivo na vida dos profesionais e dos usuarios da sanidade pública.
O obxectivo tamén é desburocratizar o traballo do persoal sanitario e facelo máis eficiente, ao acurtar o tempo dos procesos.
"Os algoritmos non toman decisións automáticas. Acompañan o profesional. Entón ten que ser o profesional o que ao final decida se o que a IA lle propón está ben ou mal. Iso sempre", apuntou Benigno Rosón, o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías Informáticas.
Explicaron que os propios servizos do Sergas seráns os encargados de comprobar ben todo o sistema para garantir o máximo rigor.