Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia será sede dunha fábrica europea de intelixencia artificial

Galicia será sede dunha fábrica europea de intelixencia artificial

O proxecto contará cun investimento de 82 millóns de euros e permitirá "acelerar a investigación e a innovación no ámbito da saúde"

G24.gal 10/10/2025 12:41 Última actualización 10/10/2025 13:08

A candidatura presentada pola Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de lograr que Galicia sexa elixida sede dunha das seis novas fábricas europeas de intelixencia artificial.

En concreto, a que terá sede galega centrarase no ámbito da saúde e suporá un investimento de 82 millóns de euros.

Así o notificou hoxe a Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), unha iniciativa conxunta entre a UE, distintos países e socios privados, segundo informa a Xunta de Galicia.

Na actualidade, explican desde a Administración autonómica, hai 13 factorías deste tipo en 12 países europeos, ás que agora se van sumar seis máis, entre as que está a anunciada para Galicia, e que lidera o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

A Xunta destaca que "a concesión deste proxecto ao Cesga supón que Alemaña, España e Polonia sexan os tres únicos países que contan con dúas fábricas de IA no seu territorio", o que segundo salienta "sitúa Galicia nunha posición relevante no eido das tecnoloxías profundas e biotecnoloxía".

Arquivo (Reuters/Audrey Richardson) Arquivo (Reuters/Audrey Richardson)

Esta fábrica de IA estará centrada no ámbito da saúde baixo o nome 1HealthAI. Grazas a ela, adquiriranse un novo supercomputador específico para intelixencia artificial e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental e prestaranse servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.

“É un importantísimo proxecto, que vincula as áreas da biotecnoloxía e a intelixencia artificial e que nos sitúa na elite neste ámbito en Europa”, afirma o conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez.

Para este proxecto a Comunidade galega logrou captar 65 millóns de euros (41 de fondos europeos e 24 estatais) que a Xunta completará con outros 17 millóns de euros de fondos propios. Esta capacidade de captación evidencia, en opinión do conselleiro, "o posicionamento e a forza dunha I+G+i cada vez máis relevante".

O conselleiro celebra a consecución deste "fito histórico, un proxecto insignia que vincula as áreas da biotecnoloxía e a intelixencia artificial e que nos sitúa na elite neste ámbito en Europa". 

Destacan desde a administración autonómica que, "a fábrica de IA é mostra do importante traballo que desenvolve o Cesga".

Pola súa parte, a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, destaca que o CSIC "reforza as súas capacidades no desenvolvemento de servizos científicos de alto valor engadido, aproveitando ao máximo o ecosistema científico de datos xerado pola institución".

"Como a maior institución de investigación de España, presente en todas as áreas da ciencia, a nosa participación ten un impacto que se estende por todo o territorio nacional, complementando de forma esencial o ecosistema galego", afirma.

O despregue da fábrica de IA, sinalan desde a Xunta, "impulsará a creación e o fortalecemento de startups, mellorará a competitividade das empresas, atraerá talento e creará emprego".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos