A sucursal galega do Banco de España celebra o seu centenario
Desde A Coruña presta servizos de cambio de moeda, compra de débeda pública ou reclamacións bancarias
Abriu as súas portas no 1926, cando A Coruña era o centro financeiro de Galicia arredor do porto. Hoxe segue sendo un gran descoñecido para moitos galegos.
"A verdade é que non teño nin idea", di unha coruñesa.
Nestas oficinas podemos adquirir débeda pública, facer consultas ou reclamacións sobre produtos bancarios e mesmo cambiar moeda.
"Billetes deteriorados que as veces a xente ten na casa e ten dúbidas de que poidan aceptalos. Poden entrar ao Banco de España para cambialos", explica o director do Banco de España na Coruña , Javier Bernardo. "Unha máquina estragoume o billete e vin cambialo", di un cliente.
Practicamente todos os billetes que empregamos en Galicia pasan por estas oficinas. Aquí recíclanse e devólvense á circulación totalmente renovados. Un cambio de moeda tamén ao que corresponden estas imaxes de hai cinco anos. Daquela formáranse longas ringleiras ás portas do banco para cambiar as últimas pesetas.
"Había xente que viña con sacos con pesetas. Foron uns días fóra do común", lembra o director da sucursal do Banco de España.
Hoxe xa non é posible cambiar as pesetas. Pero o Banco de España segue sendo unha institución ao servizo dos cidadáns. Faino desde a sede central de Madrid, o emblemático edificio de Cibeles, e a través das 15 sucursais repartidas polo territorio. A nosa, a de Galicia, está de aniversario.
"Así é. 100 anos", di un coruñés.