Recrean en figuras 3D e con todo detalle as campás máis singulares de Galicia
Un grupo de afeccionados aplica a técnica da fotogrametría á catalogación de campás
É difícil saber cantas campás hai en Galicia porque non existe un censo único, pero cóntanse por milleiros. O inventario máis amplo ten xa rexistradas cousa de sete mil, e calculan que pode haber outras tantas aínda sen catalogar.
"Hai de todo", di Rogelio Vieites, divulgador cultural e xestor do perfil Sinos de Bronce. "Góticas, do século XVI hai sobre 15, pero hai moitas de 1700 e 1800, aquí coa Guerra Civil non se fundiron moitas campás", explica.
As máis singulares son o eixe dun proxecto novo de catalogación, cunha técnica nova: a fotogrametría.
"Consiste en realizar unha serie de fotografías todo arredor da campá, normalmente entre 50 e 200, dependendo da dimensión, e logo métense nun software para compoñelas e darlles tridimensionalidade", explica o divulgador cultural Xosé Couñago.
Traballan con drons para gravar e fotografar as campás. É unha técnica laboriosa, así que comezaron a aplicala nos sinos máis singulares. Queren fotogrametriar as 15 campás góticas que teñen localizadas, e outras que, pola súa historia, tamén son especiais. A ese último grupo pertence a de Santa María do Campo, en Muros.
"Non é moi antiga, é de 1911, pero foi doada por Montero Ríos", di Vieites. "Segundo a inscrición, fíxose sendo párroco Souto Iglesias, que era amigo de Montero Ríos. Temos datos de canto custou a campá, como se pagou, cando", explica.
Foto a foto, van arquivar cada detalle dela: as inscricións e os gravados cos que naceu; e as marcas que deixaron o tempo, o uso e os usuarios que tocaron esta campá.
"Estas marcas con nomes son seguramente os nomes dos sacristáns que tocaron esta campá, pero non lle fai dano", di Vieites. Asegura que "é habitual" que os rapaces gravaran o nome cunha pedra no bronce, "se non está raiada, é que non houbo nenos no campanario" di.
E todo iso que se pode apreciar mirando de cerca, apréciase na súa xemelga dixital. "Podes ver todas as particularidades e detalles que ten unha campá", di Couñago, que asegura que a fotogrametría supón "un salto cualitativo moi grande" no que é a apreciación da historia e das características dunha campá. E queda a disposición de todos na Rede.
"Ao fotogrametriar a campá, pódela ver dende Bos Aires nun ordenador, en tres dimensións, móvela como queiras, amplíala, xírala", di Vieites. E hai interese por esta iniciativa: "algunhas teñen milleiros de visitas en redes sociais -asegura Couñago-, iso esperta tamén a nosa motivación por seguir divulgándoas".
Porque ademais de salvagardar os detalles deste patrimonio, o que queren é atraer novos afeccionados ao mundo das campás, e salvagardar tamén o patrimonio inmaterial que representan.