A Ribeira Sacra busca dar respota aos problemas de vivenda e emprego
A Ribeira Sacra agarda ser recoñecida este ano como Patrimonio da Humanidade
Os empresarios deste territorio, composto por 26 municipios, apostan por estratexias comúns que permitan crear riqueza na zona, máis alá do turismo
O desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra nos últimos anos é evidente. Os empresarios apostan por ir máis alá.
"Temos que dar ese paso que permita converter a Ribeira Sacra ademais dun territorio para visitar nun territorio para vivir e traballar. De non conseguilo, a Ribeira Sacra continuará perdendo poboación", explica Severino Rodríguez, presidente da Asociación Ribeira Sacra Next.
Confían en que A Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco e queren traballar de xeito conxunto na xeración de riqueza. "Dende facilitar vivenda alcanzable a servizos suficientes no rural, educativos, sanitarios ou tecnolóxicos e por suposto garantira as infraestruturas de comunicación que levamos anos demandando", detalla o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López.
Na provincia de Lugo, por exemplo, o sector servizos supón do 60 % do PIB e o industrial non chega ao 15 %. O presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, César Blanco, insiste en que "unha vila que ten empresas, ten garderías, ten colexios, ten médicos, ten de todo. Se non hai empresas pode haber servizos empuxados polas administracións públicas, pero todo iso acaba esmorecendo".
Buscan abordar en clave de territorio problemas como a vivenda ou a falta de traballadores. Será na primavera cando expertos en demografía, vivenda ou economía aborden os desafíos da Ribeira Sacra nun foro en Monforte.