Publicador de contidos
Publicador de contidos

A RAG sobe ao arquivo dixital os fondos da escritora Sofía Casanova

A RAG sobe ao arquivo dixital os fondos da escritora Sofía Casanova

A coruñesa foi unha das primeiras mulleres españolas que exerceron como correspondentes de guerra

A súa obra reflicte un periplo vital que a converteu en testemuña de episodios históricos

Montaxe realizada cun retrato de Sofía Casanova e anacos das súas notas persoais conservadas da Academia (Real Academia Galega) Montaxe realizada cun retrato de Sofía Casanova e anacos das súas notas persoais conservadas da Academia (Real Academia Galega)
G24.gal 17/01/2024 11:52

A Real Academia Galega (RAG) incorporou a Galicia-Arquivo Dixital de Galicia os fondos que custodia da escritora e xornalista coruñesa Sofía Casanova.

A RAG informou este mércores que compartiu na rede en copia dixital 55 cartas, 61 orixinais de poemas e memorias e un conxunto de artigos e cartas sobre unha das primeiras mulleres españolas que exerceron como correspondentes de guerra. Casanova foi testemuña directa da Revolución Rusa e a primeira periodista estranxeira que entrevistou a Trotski.

A institución aproveitou que fai 66 anos do falecemento de Casanova para publicar estes documentos de forma dixital que permiten profundar no lado máis persoal da escritora, que foi membro correspondente da RAG desde a fundación da institución en 1906 e de honra desde 1952.

Os manuscritos literarios e autobiográficos foron ordenados pola súa neta, Cristina Niklewitz, quen os doou á Academia en 1971, mentres que algunhas cartas foron recibidas décadas antes de parte de membros da familia Bugallal, da que era grande amiga.

A doazón completouse en 2001 con novos documentos que entregou a familia de Sofía Casanova.

Testemuña de episodios históricos

Entre a documentación que conserva a RAG figura un manuscrito de 1929 en que, baixo o título de Notas personales, Sofía Casanova lembraba como xa naquel momento levaba vividos vinte anos entre España e Polonia. A I Guerra Mundial sorprendéraa no país do seu home, o filósofo Wincenty Lutoslawski, conde polaco con quen casara en 1887 e do que acabaría separándose. Alí, comprometida co nacionalismo polaco, traballou durante un ano no hospital improvisado na estación central de Varsovia. 

A familia transitou por Moscova e San Petersburgo, e ese periplo vital e os episodios históricos que presenciou quedaron reflectidos en obras que recompilan ou amplían as crónicas que publicou en ABC e os volumes que dan conta da súa posición contraria á revolución, como La revolución bolchevista: (diario de un testigo) (1920) ou En la corte de los zares (1924). Todos estes títulos forman parte dun legado literario con libros saídos do prelo dende finais do século XIX, entre eles a súa primeira novela, El doctor Wolski (1894); o poemario Fugaces (1898), parte da colección Biblioteca Gallega; ou a novela Princesa del amor hermoso (1909), novela ilustrada por Castelao.

No breve manuscrito mencionado, Sofía Casanova recorda tamén o seu retorno a España en 1919. Malia pertencer a unha familia acomodada, regresaba “casi ciega y pobrísima”, tras anos marcados polos conflitos bélicos. “Mi amada Coruña me otorgó un recibimiento que me resucitó”, contaba sobre unha estadía na que se lle outorgou a Gran Cruz de Beneficencia. Anos despois, as mostras de agarimo volverían darlle outra alegría cando se solicitou para ela o Nobel de literatura.

Sofía Casanova pasaría os últimos anos da súa vida en Polonia, na cidade de Poznań, a carón da súa filla máis nova. Alí faleceu o 16 de xaneiro de 1958, aos 96 anos de idade. Entre os recortes de prensa conservados no seu fondo, figura un curioso artigo que lle dedicou tras o seu pasamento José Ramón Fernández-Oxea Ben-Cho-Shey en La Noche, no que lembra a participación de Sofía Casanova no xurado dunha batalla de flores na que foi premiada a carroza coa que el mesmo participara canda outros mozos. No apartado de homenaxes pode lerse igualmente o poema mecanoscrito que lle escribiu Manuel Banet Fontenla, un dos membros fundadores da RAG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade