Publicador de contidos
Publicador de contidos

A RAG propón que a parroquía de Berdillo pase a escribirse con V

A RAG propón que a parroquía de Berdillo pase a escribirse con V

O Seminario de Onomástica traslada á Xunta que cambie o nome oficial deste lugar no Nomenclátor logo de constatar tras un estudo histórico que a forma predominante é Verdillo

G24.gal 30/05/2022 12:33

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) vaille propor á Xunta que recolla no Nomenclátor revisado o cambio na grafía da parroquia carballesa de Berdillo, que ata o de agora se escribe oficialmente con B, e sexa substituído pola opción Verdillo, con V.

Este departamento da RAG realizou un estudo, a pedimento do Concello de Carballo, en que se expón que o uso habitual da veciñanza era con V. Ese informe determinou que os testemuños históricos permiten concluír que é recomendable o cambio no nome oficial. 

Un dos criterios que seguiu a Comisión de Toponimia para fixar os nomes de lugares no Nomenclátor de Galicia, publicado no ano 2003, foi a congruencia coas grafías históricas e etimolóxicas do galego común.

Porén, di a RAG, "cando a etimoloxía resulta escura, dubidosa ou controvertida, como é o caso de Verdillo, óptase, en xeral, pola grafía habitual na tradición escrita ou máis arraigada no uso actual". Deste xeito, decidiuse no seu día manter o B inicial, pois así era como aparecía escrito o nome nos nomenclátores precedentes dos séculos XIX e XX.

Tras a solicitude do rexedor carballés, o Seminario de Onomástica decidiu profundar na grafía histórica do topónimo, a pesar de que eran "conscientes da opacidade do étimo que se agocha detrás da forma actual", aseguran," porque aínda que adoita emparentarse popularmente coa voz común verde, esta relación carece de probas, ao contrario do que sucede noutros topónimos galegos como O Verde, Vilaverde, Castroverde ou derivados como Verdeal, A Verdella, Verducedo, Verducido ou Verdugo".

"No caso que nos ocupa esta asociación non está demostrada, dado que non é clara a orixe lingüística da última parte da palabra, presente noutros topónimos como Arillo ou Perillo", sinala o informe.

A academia fala das pescudas realizadas en que se analizaron textos notariais medievais, libros pertencentes ao arquivo da parroquia, cartografía histórica e outros documentos. Entre todos eles, explica, tivo especial relevancia o libro de Manuel Lucas Álvarez San Paio de Antealtares, Soandres y Toques: tres monasterios medievales gallegos, que inclúe documentación correspondente ao mosteiro de Soandres, do que dependía a freguesía de San Lourenzo de Verdillo.

Ao repasaren as atestacións destes escritos, os académicos constataron que os escribas do cenobio se decantaron polo uso do V dun xeito claro: das oito concorrencias atopadas do topónimo, en seis ocasións aparece grafado con V.

Nos séculos seguintes, recolle o informe, houbo vacilacións entre B e V —sobre todo no XVI e no XVII—, dependendo moito de quen redactaba. Así e todo, a escolla do V empezou a ser maioritaria no século XVIII, tanto nos libros parroquiais coma na cartografía e documentos civís máis ou menos oficiais.

No XIX a cousa cambiou un pouco en favor do B e desde o último terzo do XIX, durante todo o XX e o que vai do XXI, a única forma rexistrada nos libros parroquiais foi Verdillo, malia que nos nomenclátores oficiais se escribise con B.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade