'Lubre', incluída no Dicionario da RAG a proposta de Luar na Lubre
A incorporación chega despois de que o Seminario de Lexicografía da institución ratificara a decisión
'Lubre' é, segundo a definición incorporada, un "bosque sagrado onde os celtas celebraban os rituais relixiosos"

A Real Academia Galega confirmou a incorporación da palabra 'Lubre' ao seu dicionario despois de que o Seminario de Lexicografía da institución ratificara a decisión o pasado 21 de maio.
A proposta fora trasladada polo líder e fundador do grupo Luar na Lubre como unha forma de recuperar e recoñecer o valor histórico e literario do termo que conforma, tamén, o nome desta formación musical.
Segundo explican nun comunicado, Bieito Romero atopouse por primeira vez con esta palabra rebuscando no dicionario de Xosé Luis Franco Grande (publicado pola editorial Galaxia en 1968) en 1986, cando fundou o grupo.
Precisamente polo seu vínculo con Vigo, tanto de Franco Grande como de Galaxia, a iniciativa para lograr esta incorporación ao galego normativo arrincou na cidade olívica, onde a banda deu un concerto o pasado 15 de febreiro.
Días antes da actuación, lembran, Bieito Romero foi recibido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que tamén mostrou publicamente o seu apoio á iniciativa de inclusión desta palabra, xa unha realidade.
Así, segundo a definición recollida pola RAG, 'lubre' (s. m. ou s. f.) significa: "Bosque sacro onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos".
É, practicamente, a mesma definición incluída por Franco Grande no seu dicionario.
"Desde Luar na Lubre estamos congratulados de que a Real Academia fose sensible á incorporación deste termo histórico e literario da nosa lingua e dámoslle as grazas a todos e cada un dos membros", destacan no comunicado.