Rueda pide "blindar" a participación das comunidades na xestión de fondos europeos
O presidente da Xunta defende en Bruxelas que se manteñan os fondos europeos para a agricultura, a pesca e a cohesión
O presidente da Xunta defendeu en Bruxelas que se manteñan os fondos europeos para a agricultura, a pesca e a cohesión, e que sigan ademais xestinados polas rexións no presuposto que está deseñando a Comisión para os próximos sete anos.
Alfonso Rueda reivindica a experiencia de Galicia e das demais rexións na xestión eficaz dos fondos para pedir que se manteñan os presupostos para a cohesión e o modelo descentralizado.
Rueda reclamou tamén un fondo específico para a Política Agraria Común no período 2028-2034, e levou a Bruxelas as demandas da primeira potencia rexional pesqueira da Unión.
Rueda presidiu este mércores a reunión da delegación española no Comité Europeo das Rexións.
A reunión co resto de representantes autonómicos centrouse na reclamación continuada de que o próximo marco financeiro plurianual, o orzamento da UE a sete anos, non vexa reducida a contía dos programas de cohesión nin que estes se dilúan nun fondo máis grande que pasen a xestionar os gobernos nacionais.
"Entendemos que hai outras necesidades agora mesmo na Unión Europea, pero non pode ser á conta dos fondos de cohesión. Ao mesmo tempo, tamén hai que insistir en que as rexións non podemos ser simples espectadores do que fagan os gobernos con eses fondos. Temos que estar implicados no seu deseño e execución desde o principio, como estivemos ata o de agora", dixo Rueda.
Para o presidente galego, o papel das rexións nestes fondos "é o que permite que se invistan ben e que sexan realmente transformadores e fomenten a cohesión en Europa".
"Esta tentación de recentralizarlo todo, que vimos que se quixo facer cos fondos Next Generation e que foi un fracaso, non se pode facer cos fondos de cohesión", resolveu.