A RAG presenta un proxecto para promocionar o galego entre o público infantil en Cerceda
Este ano homenaxéanse as cantareiras de Cerceda Adolfina e Rosa Casás Rama, a pandeireteira de Muxía Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens
A Real Academia Galega (RAG) iniciou coa obra 'As ferreñas' unha nova edición da Primavera das Letras, o proxecto lúdico e didáctico para promocionar o uso do galego entre o público infantil.
A iniciativa, na que colabora a Deputación da Coruña, presentouse no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda e convértese na primeira celebración do Día das Letras Galegas 2025, segundo explicou a institución nun comunicado.
"Trátase dunha forma de recoñecer as voces de tantas mulleres que ao longo dos séculos foron as principais creadoras e transmisoras das cantigas e do idioma", explicou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
O alumnado deste centro protagonizou a estrea de 'As ferreñas', un texto que é teatro, pero tamén radio, poesía "e outras moitas cousas", como indicou a súa autora, Paula Carballeira.
"A Primavera das Letras busca ser unha ponte máxica, feiticeira, que conecta a RAG coas nenas e nenos dos colexios de infantil e primaria de toda Galicia", expresou a académica Fina Casalderrey, impulsora da iniciativa.
Este ano, o 17 de maio homenaxéanse as cantareiras de Cerceda Adolfina e Rosa Casás Rama, a pandeireteira de Muxía Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens (Malpica), que son Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema.