A protectora de animais do Carballiño precisa axuda económica urxente
Na última semana recolleron 18 animais abandonados no concello
Atenden máis de 60 cans e gatos con problemas sanitarios
Dende a protectora de animais Arume, do Carballiño, lanzan literalmente unha mensaxe de socorro. Non dispoñen de recursos económicos para atender os máis de 60 cans e gatos dos que se fixeron responsables e están afogadas polas débedas.
Ao seu cargo están animais en situacións moi complexas. Dende cadelas próximas ao parto, crías con poucos días de vida ou casos de desnutrición severa e as doenzas derivadas ou problemas óseos de tratamento moi caro. Piden toda a axuda que se lles poida achegar.
Iso si, hoxe chegoulles unha boa noticia. O CCA do Carballiño puxo en marcha unha campaña para recoller fondos cos que a asociación poida seguir axudando os animais en dificultade. Os comerciantes cren que é preciso apoiar o labor de Arume, tanto por solidariedade como por evitar que cans e gatos anden soltos pola vila, co conseguinte risco para eles e as persoas.
Tan só na última semana, a asociación tivo que facerse cargo de 18 animais que agora están espallados por fogares de acollida.