A Policía Local de Redondela interceptou un taxista que conducía baixo os efectos das drogas
O feito é aínda máis grave porque nese momento realizaba un servizo cun usuario no vehículo
Os axentes atoparon substancias estupefacientes no taxi, un táser de descarga eléctrica e varias armas brancas
Os axentes da Policía Local e Nacional interceptaron un taxista que deu positivo no test de drogas cando o pararon no control que estaban a facer. Os compañeiros de Redondela rexeitan o sucedido, sinalando que é un feito illado.
No momento do control, o taxista levaba un cliente no interior do vehículo. En canto se coñeceu o resultado, inmobilizouse o vehículo de inmediato.
No momento da inspección do vehículo, os axentes detectaron outras irregularidades como que no interior do coche había substancias estupefacientes, un táser de descarga eléctrica e varios coitelos.
Os axentes comprobaron ademais que circulaba coa ITV caducada e sen o taxímetro activo.
O condutor acumula distintas infraccións que poderían ter graves consecuencias e, segundo fontes policiais, foi proposto para sanción.