A Garda Civil comisa en Ordes unha das maiores partidas de MDMA en Galicia
Foi detida nunha persoa e desmantelado o lugar, que abastecía as comarcas de Ordes e de Santiago
A Garda Civil desmantelou un importante punto de distribución de drogas sintéticas en Ordes e comisou unha das maiores partidas de MDMA dos últimos anos en Galicia. En concreto, xunto a 20.000 euros en efectivo, 1.320 pastillas.
Foi no marco da operación Mixturas e nunha actuación que culminou coa detención dunha persoa e a incautación dunha das maiores partidas de MDMA e MDA dos últimos anos en Galicia, neutralizando un centro de subministración que abastecía ás comarcas de Ordes e Santiago.
A investigación iniciouse grazas á colaboración cidadá, que alertou dunha inusual trasfega de vehículos e a presenza de cheiros compatibles co cultivo de marihuana nunha vivenda unifamiliar. Tras establecer un dispositivo de vixilancia, os axentes constataron un fluxo continuo de entradas e saídas rápidas de persoas, un patrón característico de transaccións de drogas.
A persoa investigada tomaba medidas de contravixilancia, cambiando as súas rutas para evitar ser detectada. No rexistro xudicial, autorizado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Ordes, levou a cabo o 11 de agosto. Os axentes localizaron e comisaron unha gran cantidade de substancias estupefacientes como 1.320 pastillas de MDMA (MDA variante), equivalentes a 783 gramos; 390 comprimidos de Viagra ilícita; 53 pastillas e 13,18 gramos en po de anfetamina; 100 gramos de haxix, 2 gramos de LSD e 20 gramos de marihuana. Tamén 1,3 quilos de cogomelos alucinóxenas e 78 gramos de fungos secos.
Ademais das drogas, desmantelouse un sistema de cultivo interior con 35 plantas de cánnabis e incautáronse 25 litros de líquidos precursores para a fabricación de drogas sintética. "Esta loxística evidencia a capacidade do punto para unha subministración constante", remarca a Garda Civil.
Durante o operativo, os axentes interviñeron 20.000 euros en efectivo e varias armas prohibidas, incluíndo un puño americano, un machete e dous dispositivos tipo táser. Tamén se descubriu unha conexión ilegal á rede eléctrica para abastecer o cultivo interior.
O operativo foi desenvolto conxuntamente polo Posto de Ordes, o Equipo ROCA de Santiago de Compostela, Compañía de Santiago e o Posto de Sigüeiro, coa colaboración da Policía Local de Ordes.
"Nunha soa actuación comisaron 1.320 pastillas de MDMA, unha cifra que por si soa supera o total de pastillas comisadas en toda a comunidade autónoma de Galicia durante 2024 (280 gramos), segundo datos oficiais", remarca a Garda Civil que subliña que supón "neutralizar un importante punto de distribución que abastecía de forma sistemática á provincia da Coruña".
O detido, que se enfronta a cargos por tráfico de drogas, branqueo de capitais, tenza de medicamentos sen autorización, cultivo de drogas e defraudación de fluído eléctrico, foi posto á disposición do xuíz, que decretou xa o seu ingreso en prisión.