A policía francesa busca os catro ladróns e as xoias roubadas no Louvre
En París este luns tiña previsto reabrir o Louvre, pero finalmente vai permanecer todo o día pechado
O caso do 'Códice Calixtino' fora un dos roubos de obras de arte máis sonados a nivel internacional
En París este luns tiña previsto reabrir o Louvre, pero finalmente vai permanecer todo o día pechado, despois do roubo que sufriu este domingo. A Policía francesa busca os catro ladróns que levaron oito xoias de valor incalculable que se exhibían neste museo, o máis visitado do mundo.
A decisión de manter pechado o Museo do Louvre tomouse no último momento, cando moitas persoas agardaban na entrada da pirámide para acceder ao interior.
A dirección alegou motivos excepcionais despois do espectacular roubo este domingo das xoias da coroa francesa que se expoñían nunha sala do primeiro piso.
Os catro ladróns entraron polo balcón utilizando un guindastre, abriron un oco na fiestra e nas vitrinas cunha radial, colleron as xoias e fuxiron en moto.
Todo ocorreu en sete minutos e diante das miradas incrédulas dos visitantes do museo, que incluso chegaron a gravalo co móbil.
A policía francesa trata agora de identificar e localizar os ladróns, que na súa fuxida deixaron caer unha das xoias.
As oito pezas roubadas, que teñen un valor incalculable, serían moi difíciles de revender no seu estado orixinal, polo que deberían ser despezadas.
A outra hipótese coa que traballan os investigadores é que se trate dun roubo por encargo dun coleccionista privado.
O roubo reavivou en Francia o debate sobre a seguridade do Louvre, a pinacoteca máis visitada do mundo, con case 9 millóns de visitantes anuais.