Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un británico de 32 anos é o único detido polo ataque no tren que ía a Londres

Un británico de 32 anos é o único detido polo ataque no tren que ía a Londres

Agrediu a coiteladas a pasaxe do convoi e deixou malferidas dez persoas

Un empregado do tren está en perigo de morte tras opoñerse ao ataque

Queda en liberdade un segundo arrestado tras demostrarse que non estaba implicado

Un forense inspecciona o tren en Huntingdon. REUTERS/Jack Taylor.
G24.gal 02/11/2025 09:43 Última actualización 02/11/2025 21:35

Un mozo británico de 32 anos é o único detido polo ataque a coiteladas que se produciu na noite do sábado nun tren que ía cara a Londres. Deixou malferidas dez persoas, unha delas aínda en perigo de morte.

Outro británico de 35 anos, que fora arrestado nun primeiro momento, quedou en liberdade ao demostrarse que non estaba implicado no ataque, segundo as forzas de seguridade.

Un empregado da compañía LNER, que operaba o tren, atópase en estado crítico despois de opoñerse ao ataque "de xeito heroico", indicou a policía británica. Segundo dixo, a súa actuación "salvou moitas vidas".

A policía británica, tras varias horas de incerteza, descarta en principio o móbil ideolóxico.

"Nada suxire que isto sexa un incidente terrorista", dixo en conferencia de prensa o superintendente da Policía de Transportes, John Loveless.

A policía chama á colaboración cidadá para achegar detalles. REUTERS/Jack Taylor. A policía chama á colaboración cidadá para achegar detalles. REUTERS/Jack Taylor.

O tren, que ía ateigado de xente nun sábado pola noite, cubría a liña entre Doncaster e a estación de King's Cross, no norte de Londres. A policía forzou a súa parada en Huntingdon, tras recibir varias chamadas de alerta.

O agora detido atacou, aparentemente de xeito aleatorio, as persoas que ían a bordo. Algunhas testemuñas describiron escenas dantescas a bordo dos vagóns.

"Había sangue por todas partes, foi unha escena horrible, moi violenta. Era como saída dunha película, non parecía real", dixo unha testemuña ao diario 'The Sun'.

Policía e persoal de emerxencia na estación de Huntingdon. REUTERS/Jack Taylor. Policía e persoal de emerxencia na estación de Huntingdon. REUTERS/Jack Taylor.

Outros ataques

A axencia británica Press Association recolle este domingo polo menos dez ataques a coiteladas desde 2013 en distintos puntos do territorio británico -excluídas as liortas entre bandas-, das que polo menos oito tiñan unha clara motivación terrorista.

Deles o máis fresco na memoria é o do pasado luns, cando un cidadán afgán que gozaba de estatuto de refuxiado desde 2022 atacou aparentemente sen motivo tres persoas, matando unha delas.

O pasado 2 de outubro, un home británico de orixe siria matou a coiteladas dúas persoas nunha sinagoga de Manchester, antes de ser abatido pola policía. Jihad al-Shamie ingresara en territorio británico sendo neno e adquiriu a nacionalidade en 2016.

Estes incidentes volveron poñer no punto de mira a suposta neglixencia do sistema británico á hora de conceder asilo ou refuxio, tese oportunamente explotada polo partido que máis medas nas sondaxes de opinión, o ultradereitista Reform UK, do polémico Nigel Farage.

Do mesmo xeito, está a levar aos partidos tradicionais, mesmo ao laborista, a endurecer a retórica contra a poboación migrante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade