Publicador de contidos

Publicador de contidos

A plataforma para pagar o bus co móbil chegará en setembro a 26 concellos máis

A plataforma para pagar o bus co móbil chegará en setembro a 26 concellos máis

O próximo mes estenderase tamén a solución MoBT Xente Nova, destinada ás persoas menores de 21 anos beneficiarias da Tarxeta Xente Nova, que só necesitarán rexistrarse na aplicación para gozar de 60 viaxes gratuítas mensuais

O novo sistema de pagamento co teléfono móbil inclúe un buscador avanzado para planificar as rutas

G24.gal 07/08/2025 13:03

O proxecto piloto da plataforma galega de mobilidade MoBT, que xa está implantado en distintas rutas das áreas de Compostela e do Deza, chegará en setembro a 26 municipios.

Así o indicou este xoves o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na estación de autobuses de Lalín, onde comprobou o funcionamento desta iniciativa que permite o pago no autobús a través do teléfono móbil e elimina a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro. "Imos comprobar de primeira man o funcionamento dunha nova plataforma que temos en mobilidade e que lles vai permitir a todos os usuarios dar un paso máis, máis modernidade á hora de pagar e polo tanto xa non é necesario levar a tarxeta de transporte", declarou Calvo. 

Prevese que o próximo mes chegue ás áreas de Pontevedra, O Salnés e O Morrazo.

A lista de concellos con MoBT aumentará así ata 26 ao sumar Bueu, Cangas, O Grove, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo -salvo no transporte urbano- e Vilaboa.

Ademais, en setembro estenderase tamén a solución MoBT Xente Nova, destinada ás persoas menores de 21 anos beneficiarias da Tarxeta Xente Nova, que só necesitarán rexistrarse na aplicación para gozar de 60 viaxes gratuítas ao mes.

A medida estará operativa para este colectivo nos 127 contratos de transporte regular de viaxeiros por estrada que conforman a rede de transporte público titularidade da Xunta.

Calvo apuntou que a nova aplicación, que coexistirá temporalmente co actual Transporte Público de Galicia, está dispoñible tanto para dispositivos Android como para Apple. En setembro habilitarase o novo portal MoBT, que substituirá o actual bus.gal e contará coas mesmas funcionalidades que a aplicación excepto o pago. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade