A Xunta reclama en Bruxelas avances no Corredor Atlántico
O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, pide garantías de que o tren Vigo O Porto será unha realidade en 2032 e a inclusión de Vigo e de Ferrol como portos nodais
O Goberno galego reclama en Bruxelas avances nas obras e nos prazos do Corredor Atlántico de Mercadorías. Quere que os portos de Vigo e de Ferrol se inclúan na rede de portos nodais e que o tren entre Vigo e O Porto sexa unha realidade en 2032.
"Estamos a pedir ao goberno de España e que a Unión Europea tome nota de que para Portugal e para unha parte de España e tan necesaria esa conexión co Eixo Atlántico como pode ser a de Lisboa-Madrid", explica o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo.
Así o sinalou Calvo ante os medios de comunicación na capital comunitaria, á que se desprazou para participar no Foro do Corredor Atlántico, onde criticou os "incumprimentos continuados" de prazos do AVE Vigo-O Porto, augurando que o Goberno non cumprirá a súa intención de que estea finalizado en 2030 ou 2032. "Imos ir ata o 2036 ou 2038", apostilou.
Calvo tamén puxo o foco na "limitación" que ten Galicia no ámbito ferroviario ao dispoñer das maiorías das vías construídas en ancho ibérico, o que "lastra a competencia entre compañías" e, en consecuencia, "impide que haxa uns verdadeiros prezos competitivos para os galegos".
Entre outros temas, o conselleiro destacou a importancia de que Vigo e Ferrol sexan incluídos dentro dos portos nodais e dentro do Corredor Atlántico porque permitiría "un maior desenvolvemento".
Tamén puxo de manifesto que a Xunta aínda descoñece todas as obras que se realizarán no devandito corredor de mercadorías e as datas nas que se desenvolverán.
"Queremos trasladar á Comisión Europea que non se poña, ou que sexa consciente, de que non podemos poñer un freo ao desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que é moi activa e que demandamos estar ao primeiro nivel como outras", engadiu.
Calvo expresou que é "normal" que a Unión Europea aposte por unir todas as capitais con AVE, como Lisboa-Madrid, pero sinalou que a conexión entre Lisboa-O Porto-Vigo é "prioritaria" para o goberno portugués tamén, que a pon ao mesmo nivel que a liña coa capital española.