Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Parlamento aproba sen votos en contra a reforma da Lei do Deporte

O Parlamento aproba sen votos en contra a reforma da Lei do Deporte

Permitirá á Xunta exercer a acción popular en procedementos penais por violencia neste ámbito e limita a catro anos a permanencia dos altos cargos federativos

BNG e PSdeG abstivéronse ao considerar que a modificación supón unha "oportunidade perdida" para actualizar a norma de 2012

A oposición ve no informe da Valedora unha proba da "mala xestión" da Xunta

directo
G24.gal 02/12/2025 12:43

O Parlamento de Galicia aprobou este martes a modificación da Lei do Deporte de Galicia de 2012 sen a oposición de ningún grupo, co voto a favor do Grupo Parlamentario Popular e o deputado de Democracia Ourensana.

Os cambios permitirán que a Xunta exerza a acción popular en procesos xudiciais por violencia e limitará a permanencia dos altos cargos federativos a catro mandatos, con opción a un mandato adicional en circunstancias especiais.

BNG e PSdeG optaron pola abstención ao considerar que a modificación supón unha "oportunidade perdida" para actualizar a norma.

Os cambios da Lei do Deporte

O titular autonómico de Deportes incidiu na relevancia de que a lexislación permitirá á Xunta para exercer a acusación popular en casos de violencia no deporte, sempre co consentimento da vítima ou do seu representante legal. Diego Calvo, puxo en valor que o texto recibira o aval da Cámara sen votos en contra porque isto referenda, di, a idoneidade da modificación.

Calvo destaca que a reforma “endurece” os prazos para a prescrición de infraccións e sancións, diferenciando entre moi graves, graves e leves.

Afirma que mellorará a “transparencia” nas federacións mediante medidas de “boa conduta e bo goberno” xa que, a permanencia dos altos cargos federativos quedará limitada a catro mandatos, con opción a un adicional en circunstancias especiais.

Así, a persoa que ocupe a presidencia poderá optar a un único mandato adicional no caso de que a súa sexa a única candidatura á presidencia, cando así o aproben expresamente dous terzos dos membros da asemblea xeral ou cando "concorran razóns de interese deportivo, organizativo ou institucional que xustifiquen a continuidade da presidencia".

A pesar destas modificacións, desde a oposición acusaron o partido maioritario na Cámara de desvirtuar a modificación porque os cambios, segundo nacionalistas e socialistas, non se fixeron de forma consensuada co sector deportivo.

O BNG fala dunha reforma "pírrica" e o PSdeG afirma que non atende "demandas históricas"

O parlamentario do BNG Dani Castro reprochou a falta de profundidade desta norma e tachou de “absurdo” a tramitación, que estivo marcada por “problemas e tempo perdido” dado que desde o PPdeG “decidiron non tocar” cuestións importantes, lamentou.

Castro remarcou que aínda coas “autoemendas” presentadas polo PP ao seu propio texto, a modificación é “pírrica” e pídelle á Xunta que atenda as cuestións que verdadeiramente preocupan aos deportistas como son o prezo das licenzas federativas ou a falta de infraestruturas deportivas en moitos concellos. “Eses son os problemas para liquidar e non a limitación de mandatos das presidencias das federacións”, expuxo.

A deputada do PSdeG Paloma Castro considerou que esta norma non atende “demandas históricas” deste sector co que Galicia “deixa pasar outra oportunidade para avanzar” en tanto que “non cambia moito” a situación actual.

“Necesitaríase unha reforma máis ampla”, reiterou a socialista que cre que a norma persiste na “opacidade” en organismos como o comité galego de xustiza deportiva.

Ademais, Castro puxo o foco en que o texto non blinda a igualdade entre deportistas homes e mulleres e non vela pola creación de infraestruturas seguras para mulleres e nenas ou unha maior visibilización das deportistas femininas.

Desde o PPdeG, Roberto Rodríguez rexeita as críticas da oposición e insiste en que esta “non é unha reforma menor, é unha aposta clara para que o deporte siga sendo un espazo de convivencia, educación e valores”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade