Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta reprocha cesións de Sánchez a outras comunidades mentres "discrimina" Galicia

A Xunta reprocha cesións de Sánchez a outras comunidades mentres "discrimina" Galicia

Diego Calvo referiuse, por exemplo, ao acordo entre o Estado e o Goberno de Navarra para o traspaso da AP-68, mentres a Galicia se lle nega a transferencia da AP-9

Tamén protestou pola reforma para que Cataluña volva xestionar a oferta pública de emprego nos procesos de selección dos funcionarios locais con habilitación nacional, como interventores, secretarios ou tesoureiros

O conselleiro Diego Calvo durante unha intervención no Parlamento
G24.gal 03/12/2025 15:30

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reprochou este mércores as “cesións” que realiza o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, para manterse no Executivo mentres “discrimina a Galicia”.

“Contra isto revelámonos e expresamos a nosa desconformidade. Non pode ser que haxa ese trato discriminatorio, neste caso cara á comunidade autónoma de Galicia”, explicou Calvo en declaracións á prensa.

Entre outras cuestións, o conselleiro referiuse ao acordo entre o Estado e o Goberno de Navarra para o traspaso da AP-68 á Comunidade Foral, mentres a Galicia négaselle a transferencia da AP-9.

“Non sabemos exactamente cales son os termos, nin sabemos a versión do Ministerio. Pero isto non vén ser máis que un agravio máis a Galicia, porque en Galicia levamos anos pedindo o traspaso da titularidade da AP-9 e o rescate nos últimos tempos” sen que o Executivo atenda esta solicitude, asegurou.

Respecto diso, lembrou que a Xunta descoñece mesmo o posicionamento do Goberno estatal respecto ao expediente que abriu a Comisión Europea sobre a última ampliación da concesión da AP-9.

“A día de hoxe non o sabemos”, expuxo Calvo, que subliñou que “o que si sabemos é que con outras comunidades autónomas están a negociar ou traspasando a titularidade” mentres a Galicia se lle nega.

Cesións a Cataluña

O responsable de Presidencia da Xunta tamén protestou pola reforma aprobada polo Consello de Ministros para que Cataluña volva xestionar a oferta pública de emprego nos procesos de selección dos funcionarios locais con habilitación nacional, como interventores, secretarios ou tesoureiros, e que evidencia que Sánchez “está disposto a facer o que se sexa” para contentar a Carles Puigdemont.

Reprochou que o Goberno conceda esta cesión cando “os propios habilitados nacionais e os propios colexios de habilitados nacionais están en contra desa cesión ás comunidades autónomas”.

No caso de Galicia, reprochou, o Goberno non accede nin a cubrir “todas as prazas que están sen convocar”, aínda que moitos concellos pequenos “teñen dificultades en moitas ocasións para poder tramitar expedientes ou para poder cumprir coas súas funcións”.

Moitos destes problemas, asegurou, débense precisamente a que “o Estado non saca a concurso estas prazas e, por tanto, van seguir sen estar cubertas”.

Estas actuacións, en opinión de Calvo, acreditan que Pedro Sánchez é “capaz de facer calquera tipo de concesión para manterse no Goberno”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade