Publicador de contidos
Publicador de contidos

A organización da operación Halia movía droga en veleiros e tiña 10 millóns en patrimonio

A organización da operación Halia movía droga en veleiros e tiña 10 millóns en patrimonio

Desde Galicia a rede movía droga por varias provincias españolas e ata contaba cun laboratorio para cortar a cocaína capaz de producir uns cen quilos ao mes

Os tres millóns de euros comisados neste operativo é a maior cantidade en efectivo intervida nunha acción contra o narcotráfico en Galicia

Persoas próximas aos Charlíns entre os seis encarcerados

G24.gal 03/05/2024 12:15 Última actualización 03/05/2024 20:33

A organización criminal que foi desarticulada esta semana con rexistros en Galicia e Madrid dedicábase á importación de cocaína desde a América do Sur cara a Europa mediante o uso de embarcacións deportivas e contaba cun patrimonio de máis de 10 millóns de euros, informou a Garda Civil, que desenvolveu esta investigación coa colaboración da DEA estadounidense e a Europol.

A operación Halia comezou a principios do pasado ano por parte da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil tras ter coñecemento da inusual actividade dun grupo criminal na zona do Salnés, na provincia de Pontevedra.

Os axentes centráronse nunha importante remesa de cocaína encargada presuntamente polo grupo criminal mediante o uso dun veleiro para recollela en augas do Caribe desde unha embarcación subministradora.

Antes do suposto alixo, o veleiro foi sometido a unha inspección en augas caribeñas polas autoridades francesas, que identificaron á súa tripulación, o que supuxo que abortasen o plan inicial.

Con todo, segundo a Garda Civil, os intentos de traslado e introdución da droga en España por esta organización si foron frutíferos en distintas ocasións, sempre a través das costas galegas.

Xa en Galicia, a organización utilizaba vehículos que estaban dotados con sofisticados dobres fondos e sistemas de ocultación da droga para distribuíla por diferentes provincias españolas.

O instituto armado sostén que moitos dos investigados levaban realizando esta actividade delituosa de maneira sistemática durante anos, aínda que conseguiron non ser "focalizados por parte dos distintos corpos policiais e axencias de investigación que combaten o narcotráfico por "a súa dilatada experiencia e as minuciosas medidas de seguridade" que adoptaron, ata que se desenvolveu a operación Halia coas pescudas da Garda Civil.

Unha operación con "gran complexidade" polo uso, por parte dos integrantes do grupo, de métodos, aplicacións e dispositivos encriptados nas súas comunicacións.

O patrimonio da organización

Un dos obxectivos dos investigadores foi a erradicación do aparello económico da organización criminal cunha análise que permitiu detectar un patrimonio ilícito que supera os dez millóns de euros en territorio nacional, repartido entre vivendas de luxo, vehículos, embarcacións e outros dereitos, así como coa explotación de estancos e de viveiros de moluscos.

Os integrantes deste grupo utilizaban, presuntamente, diferentes estruturas para o branqueo de capitais e servíanse de homes de palla, empresas pantalla, compensacións en metálico e ficcións documentais.

Co fin de maximizar os beneficios, contaban cun laboratorio de adulteración e corte de cocaína nunha zona illada da comunidade de Madrid, permanentemente controlado e vixiado pola organización e no que se atoparon distintas substancias químicas e precursores. Estímase que tiñan capacidade para producir uns 100 quilogramos mensuais.

A Garda Civil sinala que esta organización criminal era unha das máis destacadas e activas a nivel nacional.

En total, 20 persoas foron detidas nos 27 rexistros que se realizaron nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Madrid. Dos arrestados todos son de nacionalidade española, agás un de orixe colombiana.

Foron intervidos máis de tres millóns de euros, a maior cantidade en efectiva comisada nun operativo contra o narcotráfico en Galicia.

Tamén atoparon nos rexistros 50 quilos de cocaína, 1 de heroína, 1,7 de haxix, 1 de Tussi, 10 de marihuana, 0,75 de MDMA, 10.000 pastillas de éxtases, 700 gramos de anfetamina e 21 bidóns cunha cantidade indeterminada de produtos químicos para corte de substancias.

Ademais, incautáronse 16 vehículos, seis deles de alta gama, así como catro reloxos de alto valor e tres armas de fogo, 32 terminais telefónicos encriptados e outros dispositivos informáticos.

Procedeuse a un embargo de bens valorados en máis de 10 millóns de euros mediante o bloqueo de 44 contas correntes, 26 inmobles, varias embarcacións, autorizacións de explotación de actividade de estanco e varios parques de moluscos.

O Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional dirixiu a operación en coordinación coa Fiscalía Especial Antidroga.

Das detencións encargáronse o Equipo Contra o Crime Organizado de Galicia (ECO Galicia) de UCO, coa colaboración da DEA, Europol e distintas unidades especiais da Garda Civil, ademais das Comandancias de Pontevedra e Madrid.

Este xoves, dez dos detidos prestaron declaración ante o xuíz, que decretou prisión incondicional, comunicada e sen fianza para seis deles e liberdade con medidas para outros catro.

A estes últimos retiróuselles o pasaporte, prohibíuselles abandonar o país e terán que comparecer semanalmente nun xulgado.

Todos están investigados por un delito contra a saúde pública no marco dunha organización criminal.

Entre os seis que van a prisión atópanse Pablo Quiroga, que estaba no radar da policía pola súa presunta relación co narcotráfico, Víctor Dopico e Bernabé González.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade