Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen 15 persoas nunha operación contra o narcotráfico en Galicia e Madrid

Deteñen 15 persoas nunha operación contra o narcotráfico en Galicia e Madrid

Efectuáronse, ata agora, 25 rexistros en varias vilas da Arousa, Soutomaior, Ferrol e Madrid, e os axentes comisaron drogas de distintos tipos, principalmente haxix

G24.gal 30/04/2024 11:22 Última actualización 01/05/2024 09:19

As forzas e corpos de seguridade detiveron polo menos a 15 persoas nun operativo que se desenvolve en varios puntos de Galicia, especialmente na ría de Arousa, no marco dunha actuación de loita contra o narcotráfico. As detencións están vencelladas con varios delitos: por tráfico de drogas, branqueo de capitais e organización criminal. 

A operación segue en marcha e está previsto que se prolongue durante toda a xornada. As detencións foron efectuadas por parte do Equipo de Crime Organizado (ECO) da Garda Civil de Pontevedra, dependente da UCO (Unidade Central Operativa).

Así, fixéronse rexistros fundamentalmente en vivendas, nos municipios de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados e Soutomaior (na zona de Arcade), así como en Ferrol e en Madrid, tal e como confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en declaracións aos medios durante un acto no Parador de Ferrol.

Entre os puntos de actuación policial hai unha nave no polígono industrial Sete Pías de Cambados, onde hai presenza tamén de axentes da DEA e de Europol.

Pedro Blanco confirmou que a operación está coordinada desde o xulgado central de instrución da Audiencia Nacional, e as actuacións policiais deste dispositivo, bautizado como operación Halia, comezaron sobre as 5:30 horas deste martes.

Nos polo menos 25 rexistros que se efectuaron ata agora atopáronse drogas de distintos tipos, principalmente haxix, e cartos

O delegado do Goberno incidiu en que o operativo "aínda non está pechado", e aproveitou para volver felicitar ás forzas e corpos de seguridade, que "o están facendo ben" e están "a loitar abertamente" contra unha "eiva que non é nova". Así, lembrou que nas últimas semanas levaron a cabo operacións "importantes" contra o tráfico de drogas procedente da América do Sur e contra as organizacións encargadas da construción de narcolanchas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade