A operación antidroga de Ourense saldouse coa maior incautación de heroína en España
Pedro Pacheco, xefe superior da Policía Nacional en Galicia, destacou que a operación é "posiblemente a maior aprehensión de heroína a nivel nacional no que vai de ano"
A comisaría afirma que pretende resolver as inquedanzas cidadás acerca da problemática derivada do tráfico de estupefacientes
A operación desenvolvida a semana pasada na cidade de Ourense contra o narcotráfico, que se saldou con quince detidos e dez rexistros, supuxo a incautación dunha gran cantidade de droga: tres quilogramos de heroína, setecentos gramos de cocaína e 450 gramos dunha substancia coñecida coloquialmente como 'rebujito' -unha mestura de cocaína e heroína- ademais de trescentos gramos de haxix. Foi a maior incautación de heroina en España no que vai de ano.
No marco da operación, coñecida co nome de Copérnico, os axentes incautáronse de 17.000 euros en metálico, fraccionados a maioría deles en moeda e billetes de baixo valor e útiles para o tráfico de estupefacientes.
Así o expuxo este luns en conferencia de prensa o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Pedro Pacheco, quen estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e polo comisario xefe da Unidade de Coordinación Operativa Provincial, Alberto Vidal.
"Todo o que están a ver diante de vostedes é produto dunha investigación longa e unha investigación que requiriu moitas horas de traballo dos homes e mulleres da Policía Nacional, é unha actuación encomiable", destacou o delegado do Goberno.
O xefe superior da Policía Nacional en Galicia destacou que a operación é "posiblemente a maior aprehensión de heroína a nivel nacional no que vai de ano".
Ademais, a Delegación do Goberno en Galicia confirmou a través da súa conta de X que Copérnico é unha das operacións máis importantes en Galicia, pois desartella o 50 % do tráfico de drogas polo miúdo na cidade de Ourense.
O operativo, que é froito de catro anos de investigación e que foi levado a cabo o pasado 4 de xuño, encádrase dentro da loita contra o tráfico de drogas na cidade e nel participaron unidades especializadas da Policía Nacional pertencentes á Xefatura Superior de Policía de Galicia dirixidas polo Grupo de Estupefacientes da comisaría ourensá.
Pacheco detallou que todos os implicados no tráfico, ante a chegada dos corpos de seguridade, tentaron queimar a substancia estupefaciente para evitar así que se lles puidese imputar a súa tenza.
Ademais, destacaron a dificultade de acceder aos domicilios para efectuar os rexistros debido a que as vivendas "se atopaban perfectamente bunkerizadas”.
Con esta operación policial, a comisaría afirma que pretende "dar resposta" ás demandas cidadás acerca da problemática derivada do tráfico de estupefacientes no barrio de Covadonga e zonas contiguas.