Publicador de contidos

Publicador de contidos

A olaría de Buño protagoniza unha nova colección de decoración do fogar de Zara Home

A olaría de Buño protagoniza unha nova colección de decoración do fogar de Zara Home

A colección Buño tamén inclúe outra liña de 4.000 pezas deseñadas por Antonio Pereira, da Alfarería Rulo

G24.gal 25/08/2022 22:05

No seu obradoiro Francisco Gorín amosa as pezas de cerámica feitas para a nova colección de baño da empresa Zara Home, do grupo Inditex. Conta que "a decoración son uns trazos moi simples, básicos na olaría de Buño. Son liñas".

A colección, que leva por nome Buño, tamén inclúe outra liña de 4.000 pezas deseñadas por Antonio Pereira, da Alfarería Rulo, que dedicou os últimos meses de cheo a esta encarga. Deulle forma unha a unha. E fixo cada detalle a man. Explica que "o traballo artesanal é así. É moi lento e leva moitas horas". 

Os dous artesáns contan detrás con xeracións familiares de oleiros e aprenderon a traballar o barro de nenos. Aseguran que a cerámica de Buño cada vez é máis prezada fóra das fronteiras galegas. E non só por empresas como Zara ou Loewe. Conta Antonio que "tamén os restaurantes con Estrella Michelín cando teñen unha nova proposta que sacar ao mercado queren un prato diferenciado e só para presentar ese menú".

Malia o recoñecemento ao seu traballo, a Asociación Olaría de Buño, da que Francisco tamén é presidente, di que a tradición corre risco de perderse. "Non hai remuda xeracional. O compañeiro máis novo que hai agora mesmo aquí en Buño traballando ten 30 anos e por debaixo desa idade non temos máis relevo. Estamos en alerta laranxa", laméntase Francisco.

O certo é que respectando a tradición a olaría de Buño soubo incorporar pezas que manteñen o carácter artesanal introducindo deseños actuais, e logrando así abrir novos mercados. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade