A ocupación roza o 90 % na Ribeira Sacra durante a ponte de Santos
Segundo as previsións dos hostaleiros, superarán en 7 puntos as cifras do ano pasado
Os catamaráns de Santo Estevo teñen as reservas online completas
Catro viaxes por día, oitenta persoas por viaxe, e xa se esgotaron as reservas online para o catamarán de Santo Estevo durante toda a ponte. Máis dun milleiro de persoas navegarán polo canón do Sil estes catro días, desde o embarcadoiro ourensán.
Antonio Fernández Andrade, xerente do catamarán de Santo Estevo: "Ven a parte máis profunda do canón do Sil, desde Pé de Home, que o temos aí en fronte cuberto de néboa, sequeiros, Santa Cristina..."
A natureza en outono nesta paraxe boscosa e accidentada, é o que máis lles chama a atención aos visitantes, especialmente cando se trata dunha bióloga: "Vimos agora de dar unha volta polo bosque e está todo magnífico, as setas, os liques, os fentos...".
Pouco galego escoitamos hoxe na Ribeira Sacra, pero si acentos variados. "Vimos de Madrid. Vimos onte e estivemos aquí pola zona", comenta un visitante. "Nós de Alicante, viñemos porque o vimos en documentais de televisión", comenta unha parella, para a que o AVE foi un aliciente á hora de elixiren destino: "Deixamos o coche en Alacant ás 7 da mañá e ás 12 estabamos en Ourense. Alugamos un coche, e a dar voltas por aquí".
Ocupación
Os datos falan por si sós: a ocupación media prevista polos hostaleiros da Ribeira Sacra nesta ponte é do 87 %, aínda que nas casas de turismo rural a porcentaxe elévase ata o 97 %. En conxunto, sete puntos máis ca o ano pasado polas mesmas datas.