Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Unesco decide en Corea do Sur se converte a Ribeira Sacra en Patrimonio Mundial

A Unesco decide en Corea do Sur se converte a Ribeira Sacra en Patrimonio Mundial

O comité examina a partir do domingo en Busan as candidaturas para inscribir 30 novos sitios na listaxe

A Reserva da Biosfera galega conta cun informe negativo do órgano que asesora a organización da ONU

Un catamarán polos canóns do río Sil. EUROPA PRESS/Carlos Castro Un catamarán polos canóns do río Sil. EUROPA PRESS/Carlos Castro
G24.gal 18/07/2026 18:48 Última actualización 18/07/2026 20:32

A Ribeira Sacra, encaixada nos canóns fluviais situados na confluencia dos ríos Miño e Sil, enfróntase a un dobre reto na 48ª reunión da Unesco que se celebra en Busan, Corea do Sur, a partir deste domingo.

A Reserva da Biosfera galega chega á cita para entrar na listaxe do Patrimonio Mundial cun informe negativo do ICOMOS, o órgano asesor do seu comité.

Este consello internacional recomenda excluír a candidatura ao non ver un exemplo sobresaínte dun asentamento humano tradicional ou dun uso particular da terra.

Tamén considera que non demostra o cumprimento dos criterios de integridade e autenticidade e que conta cun potencial impacto das presas e de proxectos industriais próximos.

Aspectos favorables

A parte positiva do ditame, que se coñeceu o 11 de marzo de 2026, reflicte un estado de conservación que xeralmente é bo e unha infraestrutura turística moi ben desenvolvida.

Neste tempo de espera, tanto a Xunta coma o Goberno mantiveron o seu compromiso intacto e remarcaron que a decisión final corresponde ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco.

Integrado por 21 países, debe valorar a interacción entre seres humanos, auga e medio. Segundo o cronograma da xuntanza, a avaliación definitiva será do 24 ao 27 deste mes.

Un traballador nun bancal da Ribeira Sacra. EUROPA PRESS/Carlos Castro Un traballador nun bancal da Ribeira Sacra. EUROPA PRESS/Carlos Castro

Apoio á candidatura

Anxo Moure, pedagogo ambiental, defende esta elección por ser un claro exemplo dunha viva relación de máis de 1.500 anos de ocupación continuada e, como difundiu por distintas vías, cre que por iso ten que estar na listaxe.

Do mesmo xeito, como pode verse na web de apoio á candidatura, opinan Purificación Díaz, dunha aldea na que soamente hai adegas e non casas e dende a que produce o viño Val de Frades; ou Eva Pérez e o seu home Alfonso Carral, que recuperaron un vello muíño.

Tamén Esther Nogueira, tras lanzar o que considera o primeiro viño ecolóxico de Galicia, o Diego de Lemos; ou Francisco Almuíña, que é hospitaleiro en Casa de Romualdo ou Luisa Rubines, unha guía fluvial.

No vídeo promocional coindicen en que a Ribeira Sacra soa a auga, paxaros e pedras caendo. Aseguran que sempre promoveu o traballo en comunidade e que as súas terrazas de viñedos e a viticultura heroica son un acto de resistencia.

O orgullo de sentirse de alí e o namoro da zona é unha nota común, polos innumerables arroios que confiren identidade, os singulares patróns de asentamento e esas fontes sacralizadas.

Un grupo de turistas nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS/Carlos Castro Un grupo de turistas nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS/Carlos Castro

Opcións ata o final

O ICOMOS propuxo tamén a non inscrición do castelo e mitreo de Zezerban, en Turquía. Por tanto, parte da mesma posición ca Ribeira Sacra, da que se cuestiona se realmente posúe o valor universal excepcional (VUE).

Con todo, o responsable de Cultura na Xunta, José López, reafirmouse no esprinte final, na "inquebrantable defensa" da proposta e nos precedentes, xa que hai casos de votacións en contra da advertencia técnica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade