Publicador de contidos

Publicador de contidos

A OCU detecta subas de prezos por enriba do 10 % nos supermercados

A OCU detecta subas de prezos por enriba do 10 % nos supermercados

Aceites, peixe, alimentos envasados e lácteos son os produtos en que o incremento é maior

As marcas brancas experimentan subas maiores ca a media

G24.gal 29/04/2022 16:05

Nos últimos meses case todos os produtos da cesta da compra subiron. Un informe da OCU confirma que os supermercados encareceron os produtos máis dun 9,4 por cento. E que o levan facendo durante máis dun ano.

O que di ese informe da OCU coincide coas impresións que a pe de rúa porque, segundo os consumidores, agora cada vez que van facer a compra ao supermercado pagan máis e levan menos cousas para a casa se se fai a comparación co que podía facer hai pouco máis dun ano.

Segundo ese estudo sobre 156 produtos de alimentación, hixiene e droguería en dez cidades españolas, os prezos en liña nas principais cadeas de supermercados subiron un 9,4 % de media entre o 20 de marzo de 2021 e o 8 de marzo do presente ano.

Pero esta media é superior nalgunhas cadeas: Carrefour acumula unha subida do 12,1 % nos últimos doce meses e Mercadona un 11,4 %, mentres que no Corte Inglés e Hipercor a subida foi do 7,7 %.

Con todo, tanto Mercadona como Carrefour seguen manténdose entre as cadeas nacionais máis baratas, xunto con Alcampo, segundo a organización.

As subidas experimentadas debéronse en gran parte á escalada de prezos da enerxía e das materias primas, como os fertilizantes, o trigo ou o aceite, que gravan a produción e a distribución das explotacións agrícolas e gandeiras, pero tamén á guerra en Ucraína e as consecuentes tensións xeopolíticas.

Estas subidas afectan o 84 % dos produtos analizados no estudo, especialmente os de alimentación.

Os aceites que soben unha media co 34 %, o peixe un 16 %, os alimentos envasados un 11 % e os lácteos outro 11 %, son os produtos que máis encareceron, ata o punto de que, segundo a OCU, se a tendencia se mantén, vai supoñer un incremento de máis de 500 euros ao ano na cesta da compra 

Hoxe facer a compra e encher un carro supón un grande esforzo para moitas familias. Antes as marcas brancas eran para moitos a salvación, pero hoxe di a OCU que estes produtos tamén están a experimentar subas de prezos moi significativas. Incluso maiores porcentualmente, tendo en conta que habitualmente parten de prezos menores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade