Publicador de contidos
Publicador de contidos

A muller a quen o marido drogaba para que a violasen 50 homes: "Non foi violación, foi unha barbarie"

A muller a quen o marido drogaba para que a violasen 50 homes: "Non foi violación, foi unha barbarie"

A vítima pediu que o proceso que se segue en Aviñón se faga en público para que se saiba todo e ningunha outra muller sufra unha submisión química

Gisèle Pelicot, que ten agora 71 anos, foi violada inconsciente decenas de veces entre 2011 e 2020 por decenas de homes cos que contactaba o seu marido

Gisele Pelicot, á súa chegada aos xulgados (Reuters) Gisele Pelicot, á súa chegada aos xulgados (Reuters)
G24.gal 05/09/2024 12:20

A muller á que o seu marido drogaba para que outros homes a violasen estando inconsciente declarou este xoves no xuízo que se celebra en Aviñón (sueste de Francia) contra 51 acusados que quixo que o proceso se faga en público para que se saiba todo e ningunha outra muller sufra unha submisión química.

"Para min o mal está feito", sinalou Gisèle Pélicot na súa primeira intervención ante o Tribunal do Criminal de Vaucluse, antes de engadir que renunciou a que todo se fixese a porta pechada "en nome de todas esas mulleres que talvez nunca serán recoñecidas como vítimas".

De acordo cos instrutores, Gisèle Pelicot, que ten agora 71 anos, foi violada decenas de veces entre 2011 e 2020 por decenas de homes cos que o seu marido, Dominique, contactara para que nunha especie de voyeurismo tivesen relacións sexuais con ela, que non era consciente de nada porque estaba baixo os efectos de ansiolíticos.

Todo se descubriu en setembro de 2020 cando Dominique Pélicot foi detido polos vixilantes dun supermercado da cidade de Carpentras por filmar baixo a saia de varias mulleres, e cando os policías foron a analizar o seu material informático atopáronse con miles de fotos e vídeos en que aparecía a súa muller inconsciente e víanse os abusos aos que fora sometida.

Esta mañá a vítima dixo ante o tribunal que "os policías salváronme a vida ao investigar no computador do señor P.", que é como se referiu ao que durante medio século foi o seu esposo, co que está en proceso de divorcio.

"Durante 50 anos, sempre apoiei o meu marido" e nese tempo "mantivémonos unidos", sinalou antes de puntualizar que o seu mundo "se afundiu" o 2 de novembro de 2020, cando os convocaron aos dous en comisaría e ensináronlles os arquivos que lle descubriran.

Contou que nun primeiro momento lle custou recoñecerse, que se viu "inerte", "durmida" e que se deu conta de como abusaban dela: "Violación non é a palabra correcta, é barbarie".

"Non son escenas de sexo, son escenas de violacións. Hai dous ou tres encima de min e eu estou inerte", relatou a vítima antes de insistir en que "me sacrificaron ante o altar do vicio".

Tamén criticou a postura da maior parte dos que comparecen como acusados, que alegan non ser conscientes de que estaba drogada e de que non había consentimento da súa parte. "Eses homes mancháronme, aprovéitanse de min. E nin un só se pregunta se hai algo raro", engadiu.

Gisèle Pélicot asegurou que nunca practicara sexo en tríos nin intercambio de parellas, e afirmou quedar "estupefacta" cando se decatou das desviacións sexuais do seu marido, que "en 50 anos de vida común, nunca tivo xestos obscenos".

En total, ademais de Dominique Pélicot, hai outros 50 homes que puideron ser identificados e que están a ser xulgados polo delito de violación agravada, que está penado con ata 20 anos de cárcere. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade