Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen tres homes por violar en grupo unha moza de 19 anos nun local de Ourense

Deteñen tres homes por violar en grupo unha moza de 19 anos nun local de Ourense

Dous homes ingresaron en prisión e un terceiro está investigado por non auxiliar a vítima

Sucedeu no pasado mes de maio, pero a investigación segue aberta porque podería haber un cuarto implicado

G24.gal 01/09/2026 12:36 Última actualización 01/09/2026 15:04

A Policía Nacional detivo tres homes e investiga outro como presuntos autores dunha agresión sexual grupal sucedida nun local de lecer nocturno de Ourense. Os detidos foron postos, en maio, á disposición xudicial da praza número 1 da Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Ourense. Así, dous deles, de 37 e 33 anos, atópanse en prisión provisional, comunicada e sen fianza, investigados pola súa presunta participación na agresión sexual. Un terceiro, de 28 anos, está en liberdade con cargos, por estar no lugar dos feitos e non evitar a violación grupal. 

Os feitos, segundo adiantou La Región, sucederon a finais de maio no local Top Secret, un after situado no barrio ourensán do Pino.Segundo recolle o auto da Audiencia Provincial de Ourense, o tribunal ourensán rexeitou o recurso de apelación presentado por un dos acusados e dá verosimilitude ao relato ofrecido pola denunciante.

Así, considera que a declaración ofrecida por ela é "moi detallada, sólida, crible" e "sen contradicións" alén de estar corroborada polo informe médico emitido horas despois do suceso, que obxectiva "lesións xenitais e en distintas zonas do corpo, algunhas compatibles con defensa, incluíndo mordedura en zona escapular esquerda".

Durante a súa declaración, segundo transcendeu, a moza relatou que esa noite mantivera relacións sexuais consentidas no local Kinley cun home que a invitou a un ron-cola e por indicación deste deixou na barra a súa consumición saíndo fumar xuntos un cigarro. Xa ao regresar, bebeu dese vaso e aos cinco minutos empezou a sentirse mal.

A pesar de ter recordos fragmentados, a vítima lembra que viu a outro home "penetrala vaxinalmente por detrás" tras agarrala pola cintura, e un terceiro "bucalmente, agarrándoa pola cabeza, estando tamén no cuarto un señor maior ao que non vira na súa vida, o cal intentou penetrala bucalmente", tal e como detalla o auto.

A muller explicou que tratou de defenderse, facéndose dano nos cotelos, que sentiu como a estaban mordendo nas costas e agarrando polo pescozo para que estivese quieta.

Segundo denunciou, a vítima sospeita que os presuntos agresores lle administraron algunha substancia na bebida que lle fixo perder a consciencia. Espertou ás cinco da tarde nunhas escaleiras na vía pública, nas inmediacións do local, atordada e sen roupa interior. Acudiu ao hospital, onde lle fixeron un exame forense que constata lesións compatibles coa violación múltiple que denuncia. Os feitos remóntanse ao pasado 23 de maio, pero na zona non transcendeu nada. 

Fontes da Subdelegación do Goberno en Ourense explicaron que a Policía Nacional mantén aberta a investigación dun presunto cuarto implicado, aínda sen localizar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade