Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta aproba un plan para reforzar as infraestruturas hidráulicas e garantir a subministración da auga

A Xunta aproba un plan para reforzar as infraestruturas hidráulicas e garantir a subministración da auga

Os nove encoros que abastecen de auga a cidadanía teñen as súas reservas máis de 15 puntos por debaixo da media habitual

Entre outras medidas, contempla a posible creación de novos encoros, un maior aproveitamento de augas subterráneas ou incrementar os sistemas de reutilización da auga

A Xunta destina máis de 61 millóns a medidas para mellorar o aproveitamento de auga dispoñible e o correcto funcionamento das instalacións hidráulicas, avaliar a demanda e planificar as accións que haberá que levar a cabo

G24.gal 01/09/2026 12:29 Última actualización 01/09/2026 21:09

Na primeira reunión do Goberno galego logo da parada vacacional, o consello da Xunta deu luz verde á elaboración dun plan para reforzar a eficiencia das instalacións hidráulicas de Galicia e garantir a subministración de auga.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que entre as medidas previstas figura o reforzo das redes e infraestruturas hidráulicas onde sexa necesario e o estudo de novas fontes de subministración. En concreto, a Xunta analizará a posibilidade de utilizar augas subterráneas para o consumo durante períodos de seca, cando as condicións o permitan, e continuará avanzando nos sistemas de reutilización de auga, especialmente para atender demandas industriais ou agrogandeiras.

O plan tamén estudará de forma planificada a construción de novas infraestruturas hidráulicas, incluídos encoros ou presas, onde resulte necesario para garantir o abastecemento futuro.

Rueda insistiu en que a planificación "debe adaptarse a unha realidade climática distinta" e combinar o reforzo das infraestruturas existentes "con novas fontes e sistemas de aproveitamento da auga".

Na actualidade a Xunta destina máis de 61 M€ a medidas para mellorar o aproveitamento de auga dispoñible e o correcto funcionamento das instalacións hidráulicas, avaliar a demanda de auga e a nova realidade climática e planificar as accións que haberá que levar a cabo.

Deles, 50 millóns destínanse a apoiar os concellos para modernizar e ampliar as súas redes, cinco millóns a obras para reducir as perdas de auga e outros cinco millóns a que preto de 40 municipios incorporen sistemas de monitorización para detectar grandes fugas e actuar con maior rapidez.

Rueda fixo un chamamento o uso responsable da auga "con sentidiño". O presidente galego subliñou que os nove encoros que abastecen de auga á cidadanía teñen as súas reservas máis de 15 puntos por debaixo da media habitual dos últimos cinco anos, cun 62,4 %, malia que as chuvias dos últimos días aliviaron en parte o risco de seca.

O futuro plan analizará as redes de abastecemento en Galicia e as previsións sobre a evolución da demanda, tendo en conta o impacto do cambio climático.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade