O arcebispode Santiago ve con "esperanza" e fundamento" a visita do Papa no Ano Santo
"Temos horizonte, iso é o importante", di Francisco José Prieto
Quedan 37 días para que se repita a icónixa imaxe da apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago. Un simbolismo que dá comezo a un novo Ano Santo, o de 2027. A esperanza está en que o pontífice, papa León XIV, visite Santiago en ano Xacobeo, algo que semella máis preto.
O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, reiterou este martes a súa confianza en que o papa visite Compostela o próximo Ano Santo, unha opción que cre que xa ten "fundamento", aínda que rexeitou especular sobre a data en que podería producirse: "Temos horizonte, iso é o importante", dixo.
En declaracións aos medios de comunicación antes dun acto en Santiago, Francisco José Prieto lembrou que quedan "apenas 37 días" para que comece o Ano Santo 2027, unha celebración na que "hai esperanza" de que León XIV poida chegar como peregrino a Compostela, unha esperanza "que xa podemos dicir con fundamento". "Pero todo pasiño a pasiño", apuntou.
Sobre a posible data desta visita, monseñor Prieto rexeitou concretar posibilidades, xa que será "cando o Papa poida". O arcebispo lembrou como no seu voo de Roma a Montevideo expresou que "quere" visitar Santiago e confiou en que se "materialice" cando a Santa Sé o considere "oportuno".
Do mesmo xeito, tal e como lle dixo ao papa Francisco ao convidalo a Santiago, Francisco José Prieto trasladoulle a León XIV, como "o Pedro de hoxe", que "o seu amigo Santiago Zebedeo agarda que o seu amigo Pedro poida visitalo en Santiago".
Con respecto ao Ano Santo, o arcebispo explicou que as parroquias xa se están "preparando para acoller" os peregrinos que fagan o Camiño de Santiago, que será "un pouquiño máis intenso" ca nun ano ordinario. Esta preparación estenderase tamén á propia cidade, especialmente no caso das "grandes peregrinacións" previstas.
O papel da Igrexa, dixo, é "coidar a hospitalidade no Camiño e a hospitalidade cando chegan a Santiago" e "organizar os horarios das celebracións" e da Porta Santa, que se converterá na "porta de entrada á Catedral".
Os datos económicos do pasado exercicio indican que as achegas voluntarias á Igrexa sumaron máis de 28 millóns de euros, máis do que chegou a través das declaracións da renda.
Estas achegas voluntarias, fóra das institucionais, contribúen ás axudas en centros asistenciais, á conservación do patrimonio cultural e a axudar a través de Cáritas os máis vulnerables.