Publicador de contidos
Publicador de contidos

A mellor hamburguesa de alta gama de España fana en Ourense

A mellor hamburguesa de alta gama de España fana en Ourense

O Bágoa Gastrobar de Ourense gaña o combate do Salón Gourmets

Está feita con vaca, porco, repolo e queixo 100 % galegos

Visitantes do Salón Gourmets probando os produtos de Vinagres do Ribeiro
G24.gal 22/04/2024 20:48 Última actualización 22/04/2024 21:14

Martín Fernández, dono e cociñeiro do Bágoa Gastrobar de Ourense desde hai só un ano, non sempre ten na carta a súa hamburguesa e por iso lle chama "a fuxidía".

Afortunadamente, si que a presentou ao 4.º Combat Burger do Salón Gourmets de Madrid, que gañou, e iso que o chamaron hai só dous días, sen tempo a prepararse. Conquistou o xurado coa súa dobre hamburguesa á grella con carne de vaca galega, queixo de leite cru dunha queixería familiar local, repolo marinado como kimchi coreano e guiso de papos de cociñado lento como facía a súa avoa. Dedicoulles o premio ás mulleres da súa cociña. 

O cociñeiro conseguirá sona e clientela con este fito. Pero a cita gastronómica proxecta internacionalmente moitos outros produtos innovadores ou tradicionais como a nova denominación da txistorra de Navarra ou os queixos manchegos de sabores.

Tamén as perlas de vinagre e o vinagre doce con uvas pasas elaborados no Ribeiro por unha empresa de tradición familiar comprometida ca terra, que xa leva varios premios, como nos conta o seu autor Xoán Pablo Lorenzo, de Vinagres do Ribeiro.

"Algúns dos vinagres nas tres últimas edicións tiveron dúas medallas de ouro e unha de prata no concurso internacional Vinavin, e o vinagre especial de pementos de Padrón, na última edición tivo a Medalla Gran Ouro".

É unha das 200 empresas galegas presentes, 60 delas no pavillón da Xunta, nesta trixésimo sétima edición do Salón Gourmets, escaparate de orixinalidade e calidade nos produtos de alta gama, que visitou este primeiro día o Conselleiro do Mar Alfonso Villares.

"Ser vangarda como estamos a ser tamén dunha alimentación de futuro, que agora mesmo é a que ten máis auxe. Esa Galicia alimentaria que ten no sector primario un dos sectores fundamentais".

O evento gastronómico internacional comezou con bo pé para Galicia. Aínda pode haber máis sorpresas ata o xoves, en que pechará as portas en IFEMA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar