A maxia de Dzanan Musa despídese do Breogán e do Pazo
Musa vai camiño de converterse no mellor xogador da temporada na ACB
O Rio Breogán despide o MVP da liga, a esa fortuna que responde ao nome de Dzanan Musa.
Musa foi a estrela da temporada, un xogador que regresa ante o Málaga para finalizar este curso que quedará no eterno recordo da familia do Rio Breogán.
Esta mañá Musa adestraba cos compañeiros. Se cadra, por última vez no Pazo dos Deportes de Lugo.
Dzanan Musa foi a gran aposta do Breogán. Aposta que se revelou gañadora desde o primeiro día. Con el chegou o espectáculo. Din os máis vellos no Pazo que nunca se vira un xogador tan completo en Lugo. Os números non enganan. Con vinte puntos e cinco rebotes por partido e unha valoración media de 22,7, Musa vai camiño de converterse no mellor xogador da temporada na ACB.
Do seu carácter gañador dá proba a seria lesión que sufriu hai un mes, unha fractura de traquea que o levou ao quirófano, pero non lle impediu acabar aquel partido diante do Manresa. Agora, recentemente reincorporado, devece por xogar mañá para se despedir dunha afección coa que estableceu lazos inseparables.
Di adeus un xogador distinto, deses que agasallan talento a cada paso e en cada pase. O home que fixo tantas veces feliz o Pazo. Un ídolo que fai o tránsito dos máis grandes da cancha a un lugar de privilexio na xa longa historia do breoganismo.