A inserción laboral dos universitarios incrementouse en 30 puntos na última decáda
Acaba de publicarse o 14º estudo sobre a inserción laboral dos graduados
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP
En Galicia pódense estudar 139 carreiras universitarias, pero non todas teñen a mesma saída laboral. Contar con datos rigorosos para adecuar a oferta formativa ás necesidades do mercado é o obxectivo dun estudo realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Iso vaille permitir cousas como:
"Renovar constantemente o sistema universitario mediante novos títulos, de máster, de grao, de doutoramento" apunta José Eduardo López, director da ACSUG.
"Á hora de establecer cal debe ser o número de prazas nas titulacións e que titulacións hai que empurrar máis, outras que ao mellor hai que axustar, pois é preciso ter datos", explica Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.
Máis dun 90 % dos que remataron a carreira entre o 2017 e 18 están traballando do seu, e deles, un 78 % fanno en Galicia. Tardaron de media uns 6 meses en atopar un emprego. Un de cada tres cobra un salario superior aos 2.000 euros netos mensuais. Estes e outros datos que se reflicten no informe sonlles útiles á mocidade.
"Poidan ter un futuro máis acorde co esforzo familiar e individual que realizan", recoñece Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Pero son datos tamén útiles para as empresas.
"O mundo empresarial pode saber a partir de aí onde hai que ir buscar un enxeñeiro, onde hai que ir buscar un químico, onde hai que ir buscar un biólogo, cantos temos, cantos hai en cada ano e onde podo recorrer para telos aí", comenta o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario.
O estudo analiza as carreiras con máis saída laboral e son novamente, as enxeñerías, as da rama sanitaria, arquitectura e as ciencias xurídicas. Á hora de elixir non só importa a vocación.
"Un ten que facer o que lle gusta pero tamén é certo que na vida real o que conta é as oportunidades de traballo que teñas no futuro", conta unha universitaria.